lunes. 19.10.2020 |
El tiempo
lunes. 19.10.2020
El tiempo

Junqueras cuestiona os indultos polo procés e só contempla a amnistía

Oriol Junqueras, saíndo da prisión de Lledoners para exercer como docente. ARQUIVO
Oriol Junqueras, saíndo da prisión de Lledoners para exercer como docente. ARQUIVO
O PP levará unha reforma legal ao Congreso para prohibir que se indulte a condenados por rebelión e sedición

O líder de ERC, Oriol Junqueras, cuestionou este xoves os indultos que comezará a tramitar o Goberno en breve para os presos do procés e defendeu a inocencia dos sentenciados, polo que só contempla "a amnistía"

Afirmouno en declaracións enviadas á Sexta desde a prisión de Lledoners —onde cumpre condena—, despois de que este mércores o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciase no Congreso que se comezarán a tramitar as solicitudes dos indultos a próxima semana. 

"A nosa resposta segue sendo a mesma, nós somos inocentes e a nosa opción é a amnistía", dixo Junqueras, e engadiu que poñer en marcha indultos "só evidencia" que España "continúa ancorada no pasado". 

Sobre a reforma do Código Penal dos delitos de rebelión e sedición, o líder de ERC respondeu que respecta a medida, á vez que aclarou que lle parece "moi pouco adecuada porque non resolve en ningún caso a orixe da problemática" nin "dá solución a milleiros de procesados, acusados de poñer urnas e deixar a xente votar". 

A iso engadiu que o Goberno debe "desxudicializar a política" e indicou que "os xestos" do actual Goberno denotan "poucas diferenzas co PP". 

Sobre un hipotético apoio aos próximos orzamentos xerais, mantivo que a súa formación está aberta a negocialos, aínda que matizou que o Executivo debe "decidir" se quere "falar coa dereita ou coa esquerda", porque non ve "compatible" pactar con ambas as partes. Incidiu tamén en que se deben "cumprir os acordos", en alusión ao apoio á investidura de Pedro Sánchez.

Batet defende que tramitar os indultos é cumprir a lei e non pode xerar escándalo

Mentres, ante as críticas xeradas polo anuncio do ministro de Xustiza, a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, subliñou este xoves nunha entrevista a Efe que o inicio do procedemento dos indultos é un trámite ao que o Goberno está "obrigado" porque supón "cumprir coa lei", polo que "non pode xerar sorpresa nin moito menos escándalo".

Batet apuntou que o anuncio do ministro responde a unha "normalidade procedimental" que consiste en que "unha administración, un goberno, está obrigado a tramitar os expedientes que teña enriba da mesa". Segundo as súas palabras, resulta "sorprendente" que algo así "sorprenda".

O PP impulsa unha reforma para limitar os indultos

O Partido Popular levará ao Congreso dos Deputados unha proposición de reforma da lei de indultos para que non se poida conceder esta medida de graza a persoas condenadas por delitos como os de sedición e rebelión. A portavoz parlamentaria do grupo popular, Cuca Gamarra, asegurou que o anuncio de tramitar os indultos necesita unha "resposta rápida por parte da oposición" co "fin de frear ese camiño que o PSOE está a iniciar" cos seus "aliados", que, segundo dixo, "son os inimigos de España".

Os populares xa presentaron na pasada lexislatura unha iniciativa similar no Congreso, que non chegou a debaterse e decaeu coa convocatoria de eleccións, para prohibir que un Goberno poida indultar a condenados por rebelión, sedición e traizón. 

Feijóo: "Non se pode pagar a independentistas coa dignidade da nación" 
O presidente da Xunta, Aberto Núñez Feijóo, pediu este xoves a Pedro Sánchez que non se humille" e trasladoulle que "non pode pagar" a súa "débeda" cos independentistas "cun patrimonio que é todos os españois que é a dignidade da nación, a independencia xudicial e o cumprimento das sentenzas". 

Na rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, o popular incidiu en que "todos os indultos poden ser discutibles" sempre que os posibles indultados mostren arrepentimento e se comprometan a non volver delinquir. "E neste caso, ningunha das dúas cuestións, máis ben ao contrario", dixo. 

Ciudadanos: "É intolerable"
Pola súa banda, a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, cualificou de "intolerable" que o Goberno baralle indultar "a quen deu un golpe á democracia", e insistiu en que "se se lle ocorre facelo" recorrerano ante o Tribunal Supremo, como anunciaron PP e Vox.

Junqueras cuestiona os indultos polo procés e só contempla a amnistía
Comentarios