Kavanaugh admite que de mozo bebía "demasiado" pero nega que cometese abusos

"Este esforzo para destruír o meu bo nome non me fará perder a cabeza", declarou o maxistrado ►Unha terceira muller implica ao xuíz nunha violación en grupo

Brett Kavanaugh. EFE
photo_camera Brett Kavanaugh. EFE

O maxistrado Brett Kavanaugh, nomeado polo presidente Donald Trump para converterse en xuíz do Tribunal Supremo de Estados Unidos, recoñeceu este mércores que "ás veces" bebía "demasiadas" cervexas cando era estudante, pero negou rotundamente cometer abusos sexuais.

"Bebía cervexas con amigos durante as fins de semana. Ás veces demasiadas. En retrospectiva, dixen e fixen cousas na secundaria que fan avergoñarme agora", afirmou Kavanaugh no seu testemuño preparado para ser lido ante o comité xudicial do Senado este xoves, e onde tamén comparecerá Christine Blasey Ford, quen o acusou de abuso sexual cando ambos eran adolescentes.

"Nunca fixen nada que se lle parecese nin remotamente ao que a doutora Ford describe", agregou Kavanaugh, quen rexeitou de novo estas acusacións como "puras e simples calumnias de última hora", no seu testemuño, que foi adiantado este mércores polo propio comité xudicial.

O texto do maxistrado coñécese mentres aumenta a presión para que se pospoña o voto de confirmación, ante as novas denuncias que apareceron.

TERCEIRA ACUSACIÓN. Tras Ford outra muller, Debora Ramirez, tamén denunciou esta semana o comportamento do xuíz cando este cursaba o seu primeiro ano de carreira na Universidade de Yale; e unha terceira, Julie Swetnick, dixo este mércores que Kavanaugh foi testemuña da súa propia violación e de participou en abusos a outras mulleres na súa mocidade.

O avogado de Swetnick, publicou en Twitter unha declaración xurada da muller: "Aproximadamente en 1982, fun vítima dunha destas violacións en grupo, ou 'trens', na que Mark Judge (amigo do xuíz) e Brett Kavanaugh estaban presentes", di a muller, quen no entanto evitou pronunciarse sobre se algún dos dous participou directamente na agresión.

No texto, Swetnick recordou "como Mark Judge e Brett Kavanaugh bebían excesivamente e comportábanse de xeito extremadamente inapropiado, sendo demasiado agresivos coas mozas ou non aceptando un 'non' por resposta".

Os feitos terían lugar entre 1981 e 1983, cando o agora candidato ao Tribunal Supremo era un adolescente e tanto el como Swetnick acudían, segundo a presunta vítima, a festas nas que algúns homes, entre eles o propio Kavannaugh, emborrachaban ás mulleres para despois violalas en grupo.

"Fun testemuña de como Mark Judge, Brett Kavanaugh e outros provocaban que as mozas se emborracharan, para que así estivesen desorientadas, de maneira que puidesen violalas en grupo", sostén Swetnick.

A presunta vítima afirma que ten un "claro recordo" destas festas nas que se podía ver a mozos "facendo fila fóra dunha habitación esperando á súa quenda" mentres unha moza atopábase na cama.

Tras saír á luz este testemuño, Kavanaugh declarou que non se deixará "intimidar para retirarme deste proceso. Este esforzo para destruír o meu bo nome non me fará perder a cabeza. As viles ameazas de violencia contra a miña familia non me farán perder a cabeza", insistiu.

Trump ofreceu o seu respaldo a Kavanaugh a pesar das denuncias das mulleres, e asegurou que se trata dun embuste organizado pola oposición demócrata para frear a confirmación do seu nomeado ao Supremo. 

Comentarios