Màxim Huerta volve ao estudio de Ana Rosa e revela que votará a Carmena

O exministro de Cultura, entrevistado pola que fora a súa xefa durante once anos

photo_camera Máxim Huerta, con Ana Rosa. TELECINCO

Tras a súa dimisión como ministro de Cultura o 13 de xuño de 2018 e desaparecer da escena pública, o escritor Màxim Huerta reaparecu no Programa de Ana Rosa para ser entrevistado pola que foi a súa xefa durante once anos, Ana Rosa Quintana.

O escritor e xornalista desvelou que votará a "Manuela Carmena para o Concello, a Íñigo Errejón para a Comunidade de Madrid e ao PSOE nas eleccións do 28 de abril".

Huerta fixo estas declaracións nunha entrevista en Telecinco recollida por Europa Press con motivo da publicación do seu novo libro Intimidad improvisada, na que admitiu facer pasado uns meses "moi difíciles" por mor da súa dimisión como Ministro de Cultura seis días despois de asumir o cargo. 

A pesar de recordar con tristeza o momento da súa dimisión, Huerta asegurou "non estar arrepentido de dicir que si a Pedro Sánchez", e admitiu incluso que "volvería facelo" se llo volvesen a pedir, porque "era facer algo" que consideraba "ilusionante, un gran proxecto". 

Tamén recordou o momento no que recibiu a chamada do presidente do Goberno para ser ministro. "Tiña varias chamadas perdidas, cría que me chamaba para preguntarme algo sobre a dirección de libros, non para ser ministro e nese momento a cabeza vai a toda velocidade porque tes que responder e dixen si. Aí a miña vida cambiou", explicou. 

Logo da súa dimisión, asegurou recibir unha chamada de Pedro Sánchez "no verán, antes de irse de vacacións, e xa está" e agradeceu as mensaxes de ánimo recibidas tras a súa saída do Ministerio. "Non me estou vitimizando, pero cando chegan esas mensaxes de xente que coñeces pouco danche a vida, asi que grazas", asegurou o escritor, quen recoñeceu que neses momentos decidiu apartarse da vida pública. 

"Encerreime, quedei na casa e custábame moito volver a Madrid, á miña casa porque tiña medo a entrar en pánico", explicou o xornalista, quen asegurou estar agora "ilusionado". "Logo dun tempo no que me impuxen non dicir nada e estar calado, de non ler nada sobre min e con axuda dun médico podo estar aquí e falar", engadiu Huerta. 

Sobre o seu futuro, asegurou estar "moi ben escribindo" e asegurou recibir algunha oferta en televisión. "Algunha delas a cambio de falar hai meses, pero ofrecérome moitas cousas e algunha está ben", concluíu. 

Comentarios