Polo menos nove mortos e 47 feridos ao chocar un tren de alta velocidade en Ankara

O ferrocarril impactou contra unha locomotora de mantemento que se atopaba na mesma vía e descarrilou

Polo menos nove persoas morreron e outras 47 resultaron feridas este xoves en Ankara ao chocar un tren de alta velocidade cunha locomotora de mantemento, segundo informaron as autoridades locais.

O ministro turco de Transporte, Mehmet Cahit Turhan, dixo en declaracións a televisións locais que entre os mortos hai tres maquinistas e seis pasaxeiros.

"Temos tres maquinistas e cinco pasaxeiros mortos no lugar do accidente. 48 pasaxeiros foron hospitalizados e un deles morreu no hospital. Temos en total 9 mortos. A investigación sobre as causas do accidente está en curso", dixo o ministro.

Previamente, o gobernador dera unha cifra de catro falecidos, aínda que advertindo que os labores de rescate continuaban e sen descartar que o número de vítimas mortais puidese ascender.

O tren partira de Ankara ás 06.30 (03.30 GMT) con dirección á cidade de Konya.

Un quince minutos despois da saída, cando aínda estaba dentro da cidade e circulaba a uns 80 quilómetros por hora, o tren de pasaxeiros chocou contra unha locomotora de mantemento que se atopaba na mesma vía e descarrilou.

Ao saírse da vía, o convoi impactou contra un paso elevado, que se esborrallou sobre algúns dos vagóns.

A Fiscalía de Turquía anunciou unha investigación sobre o suceso.