Néstor Rego, a Pedro Sánchez: "O apoio do Bloque non é un cheque en branco"

O deputado do BNG destaca que o acordo co PSOE desbloquea algúns dos "principais problemas de Galicia"  ► Coalición Canaria retira o seu apoio a Sánchez por sorpresa
Néstor Rego. JUAN CARLOS HIDALGO
photo_camera Néstor Rego. JUAN CARLOS HIDALGO

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, expresou este sábado o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez polos acordos alcanzados en beneficio de Galicia e para "pechar o paso a esa dereita cada vez máis ultra e máis españolista".

Na súa intervención no debate de investidura, Rego subliñou que o acordo alcanzado con Sánchez non implica que o BNG se vincule de xeito algún ao PSOE ou ao Goberno "agás no concernente ao acordo establecido e aquelas políticas en que coincidamos".

Así, declarou que o seu único "compromiso firme" é o de defender os intereses de Galicia "por encima de todas as cousas" e ata que a comunidade "teña capacidade plena para decidir sobre os seus asuntos".

Para o deputado nacionalista galego, o acordo co PSOE debe servir para desbloquear as solucións aos principais problemas de Galicia: a "estafa" da AP-9, o mantemento dos postos de traballo na construción naval e eléctrica-, o desenvolvemento da Lei de Dependencia, a rexeneración das rías ou a modernización do sistema ferroviario. "E conseguímolo, aínda que loxicamente aspiramos a máis", dixo.

No entanto, advertiu a Sánchez que "o Goberno que vostede propón, non é o noso goberno" e que tan só espera que o novo Executivo "cumpra estrita e dilixentemente os seus compromisos cun país que leva demasiado tempo esperando". 

ORAMAS CAMBIA O SEU VOTO. Pola súa banda, a deputada de Coalición Canaria, Ana Oramas, anunciou ante o pleno do Congreso que votará en contra da investidura de Pedro Sánchez a pesar de que previamente o seu partido adiantara que se abstería.

Nunha dura intervención contra Sánchez e na que criticou tamén a actitude do líder do PP, Pablo Casado, Oramas xustificou o seu voto en contra en que non ía traizoar aos cidadáns que a apoiaron nas pasadas eleccións xerais ante a "ambición" do candidato á investidura.

Coalición Canaria decidira por unanimidade este venres a súa abstención tras descartar votar a favor por considerar "claramente insuficiente" a proposta de acordo que lle remitiu o PSOE.

A pesar diso, Oramas acabou a súa intervención ante o pleno anunciando o seu voto en contra, unha decisión sobre a que, consultada por Efe, declinou facer comentarios.

A dirixente canaria verteu desde a tribuna duras acusacións contra Sánchez porque pactou con quen "non queren ser españois" e pretenden destruíla, e lamentando que, coa súa investidura, "está a inaugurarse a demolición do Estado".

Pola súa banda, o deputado de Nueva Canarias, Pedro Quevedo, confirmou o seu voto favorable á investidura do candidato socialista, ao que xa avisou que o seu partido será "esixente" na defensa dos intereses de Canarias, en especial como rexión ultraperiférica da Unión Europea.

"Ou somos relevantes na política española ou son irrelevantes os intereses de Canarias", alertou Quevedo na súa intervención no debate de investidura que comezou este sábado no Congreso.

JxCAT. A portavoz de JxCAT, Laura Borràs, puxo en dúbida a "credibilidade" da oferta de diálogo do candidato socialista á Presidencia, Pedro Sánchez, ao que cualificou como "o dos mil rostros" polos seus "abusos democráticos" sobre Cataluña.

E advertiulle de que se de verdade quere diálogo para solucionar o conflito catalán debe respectar os interlocutores elixidos polas urnas, como o president da Generalitat, Quim Torra.

Na súa intervención na sesión de investidura, Borrás recriminou a Sánchez que sexa o dos "mil rostros" a pesar de que este sábado se presentou "dócil, conciliador e dialogante" e preguntouse se realmente quere solucionar o conflito "ou o quere cronificar".

COMPROMÍS. O deputado de Compromís, Joan Baldoví, recetou unha "humilde bolsiña de tila" a PP, Vox e Cs -que exhibiu na súa intervención no Congreso- para que estas formacións "amornen os nervios" porque "esta investidura ímola a gañar".

"Hoxe non nos poden tremer as pernas" dixo o único deputado de Compromís nun discurso no que acusou "á dereita, a ultradereita e á dereita que se vai e saboteadores" e que representan á España "pechada, antiga, monolítica, excluínte e egoísta"

A todos eles, o deputado de Compromís quixo trasladar unha idea moi clara: "Esta investidura ímola a gañar e ímola a gañar os que cremos que este Estado é diverso, plural, moderno e multilingüe".

Comentarios