Un novo atraso para a ratificación do acordo do brexit

A Cámara dos Comúns deu o visto e prace ao acordo chegado entre Johnson e Bruxelas para saír da UE, pero rexeitou acelerar os prazos para que a Cámara baixa poida dar o visto e prace definitivo
Boris Johnson. ANDY RAIN
photo_camera Boris Johnson. ANDY RAIN
O primeiro ministro británico, o conservador, Boris Johnson, puxo hoxe "en pausa" o proceso de ratificación do acordo do "brexit", ao non ser aceptado o procedemento de urxencia polo que quería tramitalo.

Johnson afirmou que esperará a que a Unión Europea (UE) decida se establece unha extensión do prazo de saída do bloque máis aló do 31 de outubro para determinar se reactiva a tramitación da lei que implementará o acordo.

A Cámara dos Comúns deu este martes o seu visto e prace preliminar ao pacto ao que chegaron Londres e Bruxelas por unha cómoda diferenza de 30 votos (329 fronte a 299).

Rexeitou, con todo, acelerar os prazos para que o texto recibise o visto e prace definitivo da cámara baixa en tan só tres días, como quería o xefe de Goberno.

Ese calendario era o único co que Johnson pensaba que podía sacar ao Reino Unido da UE a finais deste mes, sen necesidade de atrasar unha vez máis a data de saída.

O mandatario conservador declarouse "decepcionado porque a cámara vote outra vez por un atraso, en lugar de aceptar un calendario que permitiría saír cun acordo o 31 de outubro".

Johnson viuse forzado polos deputados a pedir esta semana unha prórroga a Bruxelas, aínda que os líderes comunitarios aínda non emitiron unha resposta á súa solicitude.

Ante esa situación, asegurou que manterá en marcha os preparativos para un eventual brexit non negociado a próxima semana, aínda que insistiu en que os seus plans pasan por abandonar a UE en base aos térmos.

Comentarios