A Onu critica a sentenza da Manada porque subestima a "gravidade da violación"

A coordinadora e portavoz para asuntos de Acoso Sexual desta axencia de Nacións Unidas, Purna Sen, cualificou de "leve" a pena

Participantes na manifestación contra a sentenza de La Manada en Santiago. CRISTINA MOSTEIRO
photo_camera Participantes na manifestación contra a sentenza de La Manada en Santiago. CRISTINA MOSTEIRO

A sentenza da Xustiza española no caso da Manada "subestima a gravidade da violación" e mina a protección dos dereitos da muller, asegurou este mércores Onu Mulleres.

Nun comunicado, a coordinadora e portavoz para asuntos de Acoso Sexual desta axencia de Nacións Unidas, Purna Sen, cualificou como "leve" a pena imposta aos cinco integrantes dese grupo, condenados por abuso sexual pero non por agresión a unha moza en xullo de 2016.

"A leve sentenza aos atacantes da Manada en España subestima a gravidade da violación e mina obrigacións claras de protexer os dereitos das mulleres", sinalou Sen.

Un tribunal de Pamplona, cidade onde ocorreron os feitos nos Sanfermines de 2016, condenou o pasado día 26 a cada un dos acusados a nove anos de prisión, ademais doutras medidas, nunha sentenza que causou un importante rexeitamento social.

Sen alertou de que a impunidade por quebrantamentos dos dereitos humanos impregna a cultura da violación

A mensaxe de Sen sobre o caso da Manada aparece nun comunicado máis amplo, no que a responsable de Onu Mulleres expresa a súa solidariedade coas vítimas de delitos sexuais e rende tributo a quen deciden denunciar. Sen, entre outras cousas, alertou de que a "impunidade por quebrantamentos dos dereitos humanos impregna a cultura da violación, culpa e xulga ás vítimas de danos que se lles fixeron a elas e non pode permitirse que continúe, incluíndo nos sistemas de Xustiza penal".

Segundo recalcou, "o acoso e a agresión sexual son globais" e "ningunha organización nin ningún país poden considerarse inmunes". "Demasiadas mulleres senten que ninguén as está escoitando, que ninguén as cre ou que a ninguén lle importa", lamentou.

Sen destacou o valor das mulleres que se atreven a denunciar e subliñou a importancia de movementos como #MeToo #TimesUp  á hora de romper o "silencio". Ao seu xuízo, os hombes deben examinar o seu poder e o seu comportamento e enfrontarse a outros homes co fin de lograr cambios.

Comentarios