Iglesias renuncia a entrar no Goberno se non hai máis vetos

Celaá non descarta a Irene Montero no Goberno
Pablo Iglesias. J.P.GANDÚL
photo_camera Pablo Iglesias. J.P.GANDÚL

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, comunicou este venres ao presidente do Goberno en funcións e candidato á investidura, Pedro Sánchez, que está disposto a non formar parte do Goberno de coalición coa condición de que non haxa máis vetos nin escusas para formar a próxima semana un goberno conxunto de PSOE e Unidas Podemos.

Así o explica o propio Iglesias nun vídeo que difundiu nas súas redes sociais no que, mostra a súa disposición a botarse ao carón pero subliña que os nomes do seu partido no Executivo de coalición elixiraos a súa formación.

Neste contexto, Iglesias argumenta que "non vai ser a escusa do PSOE para que non haxa un Goberno de coalición de esquerdas a próxima semana". 

Celaá non descarta a Irene Montero no Gobierno

A portavoz do Goberno en funcións, Isabel Celaá, non descartou este venres a posible incorporación de Irene Montero nin doutros membros da dirección de Podemos nun executivo de coalición, insistindo en que o candidato á investidura, Pedro Sánchez, só deixou claro que quen non pode estar é Pablo Iglesias. "Non dixo máis de ninguén, polo tanto, todo o demais creo que é un escenario aberto", explicou. 

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Celaá avisou de que Sánchez fixo "unha oferta xenerosa" e acabou aceptando o que pedía Podemos: un goberno de coalición, todo iso uns días antes de que comece, o luns, o debate de investidura de Sánchez.

 Así mesmo, advertiulle a Iglesias de que é el quen ten que decidir entre o "interese xeral ou o seu persoal" e que "o que se pon nun lado e noutro da balanza non é comparable".

 "É unha pretensión inasumible sacrificar o que é o interese xeral ao interese dunha persoa, iso non ten un pase, eu non o creo, non creo que Pablo Iglesias, el mesmo, pase por aí, non creo que o queira, que por mor dunha persoa vaiamos sacrificar o interese xeral", resolveu.

Celaá: "É unha pretensión inasumible sacrificar o que é o interese xeral ao interese dunha persoa"

 Sánchez someterase a unha primeira votación o martes, na que debería obter maioría absoluta do Congreso (176 votos) para ser investido e, en caso, contrario, tería unha nova oportunidade nunha segunda  volta o xoves, na que lle bastaría ter máis votos a favor que en contra, pero tampouco os ten asegurados sen acordo con Unidas Podemos.

Comentarios