Pablo Iglesias foi reelixido secretario xeral de Podemos co apoio do 92,19% das persoas inscritas que participaron na terceira asemblea estatal da organización.
Nun comunicado, a formación informa de que a lista encabezada polo tamén vicepresidente segundo do Goberno (Un Podemos Contigo) obtivo 53.167 votos, mentres que o outro candidato que se presentaba á secretaría xeral, Fernando Barredo, conseguiu o 7,81% (4.503 votos).
"Grazas a todos os inscritos e inscritas que participastes na terceira asemblea de Podemos. É unha honra recibir o voso apoio. Parabén aos novos membros do Consello Cidadán e do Comité de Garantías. Imos deixarnos a pel para seguir demostrando que si se pode", escribiu Iglesias en Twitter.
Gracias a todos los inscritos e inscritas que habéis participado en la 3a Asamblea de @PODEMOS. Es un honor recibir vuestro apoyo. Enhorabuena a los nuevos miembros del Consejo Ciudadano y del Comité de Garantías. Vamos a dejarnos la piel para seguir demostrando que sí se puede.
— Pablo Iglesias 🔻 (@PabloIglesias) May 21, 2020
En total participaron nestas votacións telemáticas 59.201 persoas inscritas e, ademais de Iglesias, foron elixidos 89 membros da lista gañadora para ocupar o Consello Cidadán Estatal.
Podemos concluíu este xoves as votacións da súa terceira asemblea, un proceso integramente telemático orientado a conseguir un partido máis clásico, sen limitacións de mandato nin topes salariais.