viernes. 18.10.2019 |
El tiempo
viernes. 18.10.2019
El tiempo

O Parlamento volve rexeitar o pacto do Brexit por ampla maioría

Theresa May, durante la sesión en la Cámara de los Comunes del Parlamento.Efe
Theresa May, durante la sesión en la Cámara de los Comunes del Parlamento.Efe

Ábrense as portas a unha prórroga para a saída do Reino Unido da Unión Europea

O Parlamento británico rexeitou de novo este martes por unha ampla maioría o acordo do Brexit, un escenario que aumenta as posibilidades de que o Reino Unido abandone a Unión Europea (UE) o próximo día 29 de xeito non negociado ou ben de que solicite unha ampliación dese prazo.

As garantías adicionais sobre a controvertida salvagarda norirlandesa que obtivo esta semana a primeira ministra, a conservadora Theresa May, non foron suficientes para convencer á facción euroescéptica do seu propio partido nin aos seus socios do norirlandés Partido Democrático Unionista (DUP).

O acordo foi tombado por 391 votos fronte a 242, unha diferenza de 149 votos. A derrota foi algo menos dura que en xaneiro, cando May perdeu por 230 votos, pero mantén intactas as dúbidas sobre a capacidade do Goberno para modificar a opinión de suficientes deputados nas próximas dúas semanas.

Un amplo grupo de parlamentarios decantouse por rexeitar o pacto despois de que o avogado xeral do Estado, Geoffrey Cox, advertise este martes de que as concesións outorgadas a última hora pola UE non eliminan os "riscos" do mecanismo de salvagarda.

Os euroescépticos temen que esa cláusula, deseñada para evitar controis fronteirizos entre as dúas Irlandas, manteña ao Reino Unido integrado nas estruturas comunitarias durante anos en contra da súa vontade.

Bruxelas, pola súa banda, considera indispensable a salvagarda para protexer a integridade do mercado único e preservar os acordos de paz que se asinaron en 1998, que establecen que non haberá unha fronteira entre a República de Irlanda e a rexión británica de Irlanda do Norte.

A primeira ministra, coa voz crebada por unha afonía tras as longas negociacións que liderou o luns pola noite, alertou aos deputados críticos de que descartar o acordo pode provocar que o Brexit descarrile por completo e non chegue a producirse.

May reiterou que o pacto ao que chegou coa UE é a única vía dispoñible para que o Reino Unido rompa co bloque comunitario de forma ordenada.

A pesar de que o Goberno tratou ata o último momento de que as concesións da UE desen a volta á situación, a primeira ministra previra xa unha folla de ruta en caos de que o acordo fose novamente rexeitado.

A Cámara dos Comúns votará o se quere que o Reino Unido abandone a UE o 29 de marzo sen un acordo. Outras votacións demostraron que non existe unha maioría parlamentaria para esa opción, polo que previsiblemente será descartada.

A mandataria conservadora avanzou que outorgará liberdade de voto aos seus deputados este mércores, co que afastou o temor a que as críticas por parte dunha ou outra facción dos conservadores precipiten novas dimisións na formación.

Se o Parlamento refuga tamén un Brexit sen acordo, May comprometeuse a convocar o xoves unha nova votación na que preguntará aos deputados se queren solicitar a Bruxelas unha prórroga ao prazo de saída, unha petición que deberían aprobar os 27 Estados membros restantes da Unión.

Nese sentido, o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, advertiu de que Londres deberá achegar unha "xustificación razoable" para esa extensión.

O líder da oposición, o laborista Jeremy Corbyn, reitero a súa petición de que se convoquen unhas eleccións xerais adiantadas para tratar de desbloquear o proceso do Brexit, mentres que un portavoz de Downing Street insistiu en que May non valorou a posibilidade de dimitir.

O voto deste mércores, que afastou a posibilidade dun divorcio negociado a finais deste mes, lastrou ademais a valoración da libra esterlina, que caía tras a votación un 1,37 % respecto ao euro e un 0,89 % respecto ao dólar estadounidense.

O Parlamento volve rexeitar o pacto do Brexit por ampla maioría
Comentarios