O perfil do covid persistente: unha muller de 43 anos con síntomas durante seis meses

Unha enquisa permitiu rexistrar ata 200 síntomas. Os máis frecuentes son o cansazo, o malestar xeral, as dores de cabeza e o baixo estado de ánimo
Un test de detección del coronavirus. ARCHIVO
photo_camera Un test de detección do coronavirus. ARQUIVO

Unha muller de 43 anos sen patoloxías previas que leva máis de 185 días con síntomas persistentes do covid-19 tras contaxiarse na primeira onda da pandemia. Ese é o perfil máis frecuente dos enfermos de covid persistente, atendendo a unha enquisa promovida pola Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia e os colectivos de afectados Long Covid Acts entre o 13 de xullo e o 14 de outubro deste ano. 

Neses tres meses contestaron a sondaxe 2.120 persoas, das que 1.834 son enfermos que presentan síntomas compatibles de covid-19 persistente ou de longa duración, e o 79% son mulleres. A metade dos enfermos ten entre 36 e 50 anos, e viven en Madrid (35%) e Cataluña (30%). 

A pesar de que ao comezo da pandemia existía unha evidente problemática á hora de acceder ás probas, a persistencia de síntomas nesta enquisa non mostra diferenzas estatisticamente significativas entre aqueles que tiveron acceso ao test e os que non. 

A sondaxe serviu para rexistrar ata 200 síntomas persistentes que fluctúan no tempo, cunha media de 36 por persoa que, á súa vez, son os máis incapacitantes para os labores diarios. Os síntomas máis frecuentes son cansazo/astenia (95,9%); malestar xeral (95,47%); dores de cabeza (86,53%); baixo estado de ánimo (86,21%); dores musculares ou mialxias (82,77%) e falta de aire ou disnea (79,28%). 

Outros síntomas tamén moi frecuentes son dores articulares, falta de concentración/déficit atención, dor de costas, presión no peito, ansiedade, febrícula, tose, fallos de memoria, dor no pescozo/nas cervicais, diarrea, dor torácica palpitacións, mareos e formigueos nas extremidades ou parestesias. 

Máis do 70% dos afectados ven incapacitados para traballar fóra de casa

En canto á afectación dos órganos, a metade dos enquisados ten sete áreas afectadas. As máis frecuentes son as relacionadas cos síntomas xerais (95%), as alteracións neurolóxicas (86%), os problemas psicolóxicos/emocionais (86%), do aparato locomotor (82%), respiratorios (79%), as alteracións dixestivas (70%), cardiovasculares (69%), otorrinolaringolóxicas (65%), oftalmolóxicas (56%), dermatolóxicas (56%), alteracións da coagulación (38%) e nefrourolóxicas (25%).

EXPERIENCIA DO PACIENTE. As preguntas da enquisa relativas á experiencia do paciente sobre o seu estado de saúde revelan que o 50 por cento puntúao entre 0-5 nunha escala de 0 a 10. En canto ao empeoramento, a metade sitúao entre o sete e o dez, e son a mesma proporción os que localizan o seu nivel de incapacidade actual entre un 5 e un 10, que sería a máxima.

Isto tradúcese nunha incapacidade notable á hora de realizar actividades da vida diaria por parte dos afectados de covid persistente. Por exemplo, ao 30,4% dos enquisados suponlle un esforzo ou resúltalle imposible o aseo persoal; ao 68%, a realización das actividades de casa; ao 72,5% traballar fóra de casa; o 70,1% teñen dificultades para atender as obrigas familiares diarias e ao 74,65% suponlle un esforzo ou imposible o lecer cos amigos e outras persoas. 

Así as cousas, a vicepresidenta da SEMG, Pilar Rodríguez Ledo, cualifica de "esencial" a investigación da enfermidade e a profundización nas súas causas para poder actuar sobre a mesma e non soamente sobre os síntomas. Neste sentido, destaca que se barallan dúas hipóteses posibles para explicar o covid resistente: que o virus poida persistir fóra dos lugares onde habitualmente se busca, xa que a PCR só examina a zona orofarínxea; e que o virus produza unha fervenza inflamatoria crónica, creando unha afectación inmunolóxica. 

"Sinto que a miña vida se reduciu aos mínimos"
A paciente Anna Kemp lamenta o "abandono institucional" e avoga por un rexistro dos afectados. "Sentímonos esquecidos, invisibles, as institucións están desaparecidas; non sumamos nas estatísticas porque non somos nin recuperados nin mortos, pero necesitamos figurar nelas e que se involucren as institucións, porque se vai converter nun problema estatal", subliña.

"Enfrontámonos a unha enfermidade descoñecida, non recoñecida e moi incapacitante que afecta a mozas sen patoloxías previas no pico da súa actividade laboral", advirte. 

Anna Kemp, que está enferma desde o 18 de marzo e é membro do colectivo de afectado, segue sufrindo problemas pulmonares e cansazo extremo. Asegura atoparse peor que no mes de maio, incapaz de andar medio quilómetro en media agora: "Sinto que a miña vida se reduciu aos mínimos". 

Comentarios