Miércoles. 12.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 12.12.2018
El tiempo

O PSOE propón multar os clientes da prostitución

O PSOE propón castigar aos clientes de prostitución. DP
O PSOE propón castigar aos clientes de prostitución. DP

Avoga por castigar con pena de cárcere no caso de que a muller sexa menor de idade

O PSOE propón castigar aos clientes da prostitución cunha sanción económica e con pena de cárcere no caso de que a prostituta sexa menor de idade, nun documento que entregou ao Goberno para que sirva de base á futura Lei integral contra a trata con fins de explotación sexual.

Así o confirmou a Efe Altamira Gonzalo, presidenta do Consello Asesor de Igualdade do PSOE, encargado de elaborar o documento, que "tivo boa acollida por parte do Goberno", co que a partir de agora "temos que traballar de xeito eficaz" para que se poida aprobar a lei.

No entanto, precisou que se trata só dunha proposta dun grupo de expertos que aborda todo tipo de trata, aínda que especialmente aquela con fins de explotación sexual, e tamén a prostitución.

No documento, adiantado hoxe polo País, o PSOE propón tamén desenvolver de xeito "pormenorizado" a atención ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e catalogar a estas, así como ás mulleres que exercen a prostitución, como vítimas de violencia de xénero.

Esa cualificación implica, segundo Altamira Gonzalo, que as afectadas se poidan acoller aos mesmos recursos que as vítimas de malos tratos, tales como casas de acollida ou atención psicolóxica. 

A proposta socialista de establecer multas económicas a quen pague por manter relacións sexuais está en sintonía coa normativa francesa aprobada en 2016 e cos modelos doutros países.

Gonzalo considerou que sería moi importante sacar adiante a lei e confiou en que se produza o consenso necesario para iso, xa que se trata dun compromiso adquirido polo Goberno anterior no Convenio de Istambul e tamén forma parte das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. 

O PSOE propón multar os clientes da prostitución
Comentarios