A República Democrática do Congo declara un novo brote de ébola

De momento detectáronse dous positivos, no que xa se considera o noveno brote que golpea ao país desde 1976

Lucha contra el ébola en Sierra Leona en 2014. EFE
photo_camera Lucha contra el ébola en Sierra Leona en 2014. EFE

A República Democrática do Congo (RDC) declarou este martes un novo brote de ébola ao detectar dous casos positivos na cidade de Bikoro (noroeste do país), informou a Organización Mundial da Saúde (OMS). De cinco casos analizados, dous deron positivo nas probas realizadas no Instituto Nacional de Investigación Biomédica en Kinshasa.

A OMS está a traballar estreitamente co Goberno congoleño para mobilizar persoal e recursos a fin de facer fronte ao brote, indicou a organización nun comunicado divulgado na capital do país. "A nosa máxima prioridade é ir a Bikoro a traballar co Goberno da República Democrática do Congo e socios para reducir a perda de vidas e o sufrimento relacionado con este novo brote do virus do Ébola", afirmou o subdirector xeral da OMS para Preparación e Resposta de Urxencias, Peter Salama.

"Traballar cos nosos socios e responder pronto e de forma coordinada será vital para conter esta enfermidade letal", subliñou Salama.

Un primeiro equipo multidisciplinar formado por expertos da OMS, Médicos Sen Fronteiras (MSF) e as autoridades sanitarias locais desprazouse xa a Bikoro. Trátase, segundo a OMS, do noveno brote de ébola que golpea á República Democrática do Congo desde que se descubriu o virus neste país en 1976.

A enfermidade –que se transmite por contacto directo co sangue e fluídos corporais de persoas ou animais infectados– causa hemorraxias graves e pode ter unha taxa de mortalidade do 90 por cento. 

O último brote de ébola salpicou incluso a España, onde se viviu intensamente a loita de Teresa Romero, a enfermeira con orixes en Becerreá que sobreviviu á enfermidade en 2014.  

Comentarios