Retiran dous cosméticos de Primark por estar contaminados microbiolóxicamente 

Se se utilizan en peles con lesións de calquera tipo ou entran en contacto cos ollos poden causar irritación ou unha infección
Os dous produtos de Primark retirados. EUROPA PRESS
photo_camera Os dous produtos de Primark retirados. EUROPA PRESS

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), dependente do Ministerio de Sanidade, informou da retirada do mercado de todos os lotes de dous produtos cosméticos de Primark, empresa responsable dos mesmos e que os retirou de xeito voluntario, por estar contaminados microbiolóxicamente. 

Trátase de 'PS Prep & Perfect Watermelon Primer Water' e 'PS Prep & Perfect Primer Water Charcoal', os cales, tal e como informou Primark, se se utilizan en peles con lesións de calquera tipo ou entran en contacto cos ollos poden causar irritación ou unha infección, sobre todo en persoas cun sistema inmunitario debilitado. 

Esta decisión tomouse tras detectarse na análise de varios lotes a presenza de microorganismos aerobios mesófilos nun límite superior ao permitido. Por iso, a AEMPS recomendou aos consumidores que dispoñan dalgunha unidade dos produtos afectados, que non o utilicen e se dirixan a un establecemento de Primark para a súa devolución, onde lle reembolsarán íntegro o diñeiro. 

Para a recuperación das unidades adquiridas polos consumidores, ademais de informar cun aviso de retirada nos centros, a empresa incluíu un aviso na súa páxina web e detallou ás autoridades sanitarias das comunidades autónomas as medidas adoptadas. Os produtos estiveron á venda nas tendas españolas do 11 de febreiro de 2019 ao 30 de agosto de 2019. 

Comentarios