Revilla gaña por vez primeira as eleccións en Cantabria

Sobre a posibilidade de pactar co PSOE, o presidente cántabro dixo que "non é fácil se non se cambian algunhas actitudes"

Miguel Ángel Revilla. EFE
photo_camera Miguel Ángel Revilla. EFE

O candidato do PRC á reelección como presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, dixo tras gañar as súas primeiras eleccións autonómicas, que estaba "cantado" o "espectacular" resultado obtido polo seu partido, que non accederá a imposicións "inaceptables" na negociación dun pacto de goberno.

"Tampouco é descartable que nos lancemos á area presentando a candidatura á investidura e que cada un se retrate", subliñou o líder rexionalista nunha comparecencia de prensa que tivo lugar sobre as 00.30 horas na sede do PRC, desde onde seguiu o escrutinio que deu ao seu partido gañador das eleccións por primeira vez na súa historia.

Sobre a posibilidade de pactar co PSOE, Revilla dixo que "non é fácil se non se cambian algunhas actitudes", como que, á hora de formar un Executivo, hai que ter en conta os compromisos de estabilidade, lealdade á lista máis votada e ao presidente, pactos en concellos e o mando do Goberno central.

Revilla, que compareceu durante máis de 45 minutos acompañado do deputado do PRC no Congreso, José María Mazón, e a secretaria de Organización e número 2 da súa candidatura, Paula Fernández, tamén tivo palabras de recordo cara ao vicesecretario do partido Rafael de la Sierra, número 3 da lista ao Parlamento rexional, e cuxa ausencia por enfermidade "ensombrece" o resultado rexionalista. 

Comentarios