A sanidade pública financiará por primeira vez medicamento para deixar de fumar

O Ministerio de Sanidade calcula que sairán beneficiadas unhas 70.000 persoas
Unha fumadora. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha fumadora. GONZALO GARCÍA

A carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde incluirá por primeira vez un medicamento para deixar de fumar, que poderá ser recetado tras un novo protocolo nos centros de asistencia primaria e do que o Ministerio de Sanidade calcula que se poderán beneficiar, de entrada, unhas 70.000 persoas.

Así o avanzou a Efe a ministra de Sanidade en funcións, María Luisa Carcedo, que esta semana pasou por Nova York para asistir aos diferentes cumes sobre sanidade universal e clima que se celebraron ao redor da 74 sesión da Asemblea Xeral da ONU.

Ata agora, en España só algunha comunidade como Navarra subvencionara tratamentos de deshabituación de tabaquismo, polo que, con esta decisión, o Ministerio dá agora un paso á fronte e abordará a nivel nacional esta adicción, que provoca unhas 50.000 morte anuais no país, coa subvención do principio activo da Vareniclina, cuxa marca comercial de referencia é Champix.

A ministra detallou que o seu Ministerio levará a Vareniclina á próxima comisión interministerial de prezos, que se celebra este luns, no último paso para que sexa posible o seu financiamento como medicamento para a deshabituación de tabaco.

"É cuestión xa de semanas que entre na carteira de servizos", subliñou Carcedo, quen recordou que os médicos da atención primaria terán un protocolo de prescrición dos pacientes en tratamento e orientación médica para a deshabituación do tabaquismo.

O Comité Nacional de Prevención do Tabaquismo, que aglutina a unha corentena de sociedades científicas e médicas, leva dúas décadas reclamando que o tratamento da adicción á nicotina debe formar parte da carteira de servizos de atención primaria, sabedores de que un tratamento adecuado pode multiplicar ata por 10 as posibilidades de deixar de fumar con éxito se se compara co esforzo persoal illado do fumador sen apoio profesional.

A xuízo dos profesionais que loitan a diario nos ambulatorios con este grave problema de saúde pública, a administración sanitaria non debe temer polo custo do financiamento duns produtos que son eficaces e só utiliza un 3% do total de fumadores cada ano, demostrándose a súa idoneidade en experiencias de financiamento en Navarra ou programas piloto en Cataluña.

VAPEADORES. A ministra Carcedo, que acaba de impulsar unha campaña de publicidade en contra do consumo de todo tipo de produtos do tabaco, está preocupada tamén cos efectos do consumo de cigarros electrónicos e vapeadores.

"O que nos atopamos con estes novos produtos do vapeo é que non estamos só ante un dano a medio e longo prazo, como co tabaco tradicional", advirte Carcedo, sobre todo ante as noticias que chegan desde Estados Unidos, onde as autoridades declararon unha "epidemia" polos e-cigs, que están a provocar pneumonías severas e incluso falecementos entre a poboación nova.

A ministra rexeita as teses de multinacionais como Philip Morris que comercializan os que denominan "produtos sen fume": "Está a venderse que son para deixar de fumar cando para deixar de fumar hai métodos cientificamente demostrados e eficaces, que abordamos agora no Sistema Nacional de Saúde de forma ordenada, sistemática e cientificamente, cos tratamentos adecuados".

"O que propomos á cidadanía, polo que estamos a loitar e é a nosa responsabilidade, é que queremos que se respire aire limpo, non aire con outros contaminantes diferentes, novos contaminantes sobre os que hai moita incerteza e serias dúbidas sobre a súa inocuidade para a saúde", esgrime Carcedo, que estes días estivo na Asemblea Xeral da ONU para defender unha mellora da calidade do aire e unha sanidade universal.

A ministra recorda que "os pulmóns están preparados para respirar aire limpo, as consecuencias da contaminación atmosférica estamos a velas, e é un paradoxo que cando se están pondo precisamente as alertas nos efectos da contaminación... respiremos activamente sustancias que teñen efectos moi prexudiciais para a saúde e que xeran enormes incertezas".

Carcedo recorda que o seu Ministerio está a traballar coa idea de modificar a lei do tabaco -"cando haxa un Goberno operativo en plenitude de funcións"- e proceder a regular os novos produtos vinculados ao vapeo, lugares de consumo e publicidade: "Teremos que ampliar o contido e alcance da lei para dar resposta á nova realidade". 

Comentarios