Simón avisa de que os nenos poden xerar brotes de coronavirus

O epidemólogo di que a hipótese dunha segunda onda "non é moi forte" pero avoga por actuar coma se fose real 
Fernando Simón EFE
photo_camera Fernando Simón EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias, Fernando Simón, avisou de que os nenos, aínda que teñen un menor risco de infección e de gravidade de síntomas do coronavirus, si poden xerar brotes entre os seus grupos familiares. 

Nunha rolda de prensa xunto ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, Simón explicou que a transmisión do virus non só depende dos factores asociados á súa carga viral, senón da forma de relacionarse e de manipular os obxectos. 

Por iso, sinalou que a frecuencia coa que os nenos se tocan a cara e, especialmente, a súa forma de interactuar con outros nenos e cos adultos aumenta o risco de que poidan contaxiar a infección, especialmente aos adultos. 

"Non me atrevo a dicir que transmiten menos, pero a transmisión entre eles pode xerar nenos infectados asintomáticos ou leves que, pola súa forma de interactuar, poden chegar a xerar brotes nos seus grupos familiares. Hai que ser moi precavidos e manter algunhas medidas de control do risco que nos permitan reducir ao mínimo a capacidade de transmisión", resolveu. 

SEGUNDA ONDA. O epidemólogo recoñeceu que "non é moi forte" a hipótese de que haxa unha segunda onda de epidemia do coronavirus a nivel mundial, aínda que avogou por actuar coma se fóra a ser real. 

"Entre todos os países fíxose un esforzo espectacular para conter ao virus, o cal está a permitir abrir un período ideal para que non se produza unha segunda onda, pero todo isto é unha hipótese, do mesmo xeito que outras moitas que manexamos desde o inicio da pandemia", detallou Simón. 

Así, avisou de que as medidas que leven a cabo nun futuro próximo non se poden guiar de hipótese e, máis aínda, cando non están avaladas por datos reais. "Os países de América Latina están a incrementar substancialmente a transmisión, pero se hai un control moi bo a probabilidade de que a nivel global haxa unha segunda onda sería menor", apostilou. 

Comentarios