Simón pide desculpas polo seu comentario sobre as enfermeiras: "Síntoo"

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias admite que foi unha "resposta moi incorrecta" a unha "broma moi boba" 
Fernando Simón, en rolda de prensa. EFE
photo_camera Fernando Simón, en rolda de prensa. EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, pediu este martes desculpas polo seu comentario sobre as enfermeiras, que considera unha "resposta moi incorrecta" a unha "broma moi boba" nunha charla pública.

"Foi unha broma moi boba, non souben responder ben e din unha resposta moi incorrecta que a moita xente lle puido molestar. Pido as miñas desculpas a todas as persoas e colectivos aos que lles puidese molestar as palabras que dei en resposta a aquela broma, síntoo", declarou en rolda de prensa.

Simón referiuse así á conversación pública que mantivo cos irmáns escaladores Iker e Eneko Pou. Un deles preguntoulle: "Fernando, houbo aí unha cousa que non nos quedou moi clara, se che gustaban as enfermidades infecciosas ou as enfermeiras infeccionas", ao que o técnico respondeu: "Non lles preguntaba se eran infecciosas ou non, iso víase uns días despois". 

Simón lamentou a súa resposta e indicou que tratará de non "cometer erros deste tipo en ningunha outra ocasión" para logo facer autocrítica.

"A verdade é que o sinto case máis por min, porque me sabe mal que o esforzo de anos de tratar de quitarme de encima esa bagaxe de reflexos apresos, de frases feitas que para nada teñen que ver coa miña forma de pensar, pois quede claro que teño moito camiño por diante para aprender e para facelo mellor e tratarei de facelo", precisou.

O comentario sobre as enfermeiras foi duramente criticado tanto por representantes políticos como por colectivos de enfermeiras e sindicatos.

Comentarios