viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Todo preparado para a exhumación de Franco

Vista dunha banda da Garda Civil á entrada do Valle de los Caídos este mércores. EFE
Vista dunha banda da Garda Civil á entrada do Valle de los Caídos este mércores. EFE
O operativo, que terá un custo máximo de 63.000 euros, comezará formalmente ás 10:30 horas

Logo dun ano de trámites administrativos e nos tribunais, o Goberno de Pedro Sánchez culmina este xoves un obxectivo político que se marcou ao comezo do seu mandato, a exhumación de Francisco Franco do Val dos Caídos e a súa posterior reinhumación no cemiterio de Mingorrubio.

O Ministerio da Presidencia elaborou un amplo dispositivo que involucra á Delegación do Goberno en Madrid, Patrimonio Nacional, Policía e Garda Civil e tamén ás Forzas Armadas, encargadas do traslado en helicóptero dos restos do ditador.

Todo o operativo, que terá un custo máximo de 63.000 euros, comezará formalmente ás 10:30 horas, cando se inicien os traballos de exhumación dentro da basílica, á que non poderán acceder os medios de comunicación para garantir a privacidade e a dignidade da familia.

No seu interior só estarán os operarios estritamente necesarios para extraer a laxa que cobre a tumba, de 1500 quilos, así como un forense, a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, como notaria maior do Reino, e 22 familiares do ditador, entre netos e bisnetos.

Todos pasarán antes por un detector de metais para evitar a entrada de calquera dispositivo de gravación e o perímetro da tumba estará cuberta cunha carpa á que só entrará un familiar e o persoal indispensable.

A pesada laxa levantarase mediante catro gatos hidráulicos e un rodete que permitirá apartala ao carón. Os técnicos calculan que todo o proceso de extracción dure aproximadamente unha hora, aínda que podería demorarse ata tres en función de como se atopen os restos.

O cadáver de Franco inhumouse en novembro de 1975 nun cadaleito dobre, cunha estrutura interna de zinc selada e outra externa de madeira convencional. Se o cadaleito de madeira se atopa en bo estado, empregarase ese mesmo para o seu traslado.

De non ser así como é previsible, introducirase o féretro de zinc noutro cadaleito preparado ao efecto.
Non está previsto que se abra o féretro para comprobar o estado do cadáver ou a súa identidade, xa que o entón notario maior do Reino deu fe de que o cadáver que se inhumaba na basílica era o de Francisco Franco.

Por expreso desexo da familia, o prior da basílica, Santiago Cantera, que se opuxo en todo momento á exhumación, bendirá os restos, antes de ser portado aos ombreiros por algúns dos seus familiares ata o exterior da cripta, un percorrido duns 300 metros.

Para o traslado a Mingorrubio haberá preparados xunto á chaira do Val dos Caídos dous helicópteros das Forzas Armadas, dos habitualmente empregados para o transporte VIP de personalidades, un deles de reserva.

Tras un breve voo duns quince minutos, no que o féretro estará acompañado por un dos netos do ditador -Francis Franco-, e a ministra de Xustiza, o helicóptero tomará terra nun antigo heliporto da Garda Real, moi preto do cemiterio.

A familia e o resto de autoridades farán a viaxe por estrada.

Alí, e de novo na máis estrita intimidade, os restos de Franco serán reinhumados nun panteón propiedade de Patrimonio do Estado, onde xa repousa a súa esposa, Carmen Polo.

Tamén e por desexo da familia, celebrarase un oficio relixioso a cargo do prior do Val dos Caídos e un sacerdote, fillo de Antonio Tejero, garda civil condenado polo intento de golpe de estado do 23-F. 

No entanto, toda a planificación queda pendente do estado do tempo no Val dos Caídos, xa que se o helicóptero militar non pode voar pola néboa ou o vento, o traslado do féretro ata Mingorrubio faríase por estrada nun coche fúnebre preparado ao efecto.

A previsión meteorolóxica para este xoves é de choiva lixeira e vento frouxo á primeira hora, aínda que a partir do mediodía poderían xerarse bancos de néboa na zona.

Os medios de comunicación non poderán acceder nin á chaira do Val dos Caídos nin ao interior do cemiterio, aínda que RTVE e a axencia EFE facilitarán gratuitamente imaxes en directo e fotografías de todo o que aconteza fóra da basílica.

Namentres, a Delegación do Goberno en Madrid prohibiu dúas concentracións nas inmediacións de Mingorrubio, unha delas convocada pola Fundación Francisco Franco.

O Executivo argumenta a súa decisión no perigo de alteracións da orde pública e a posibilidade de que poidan enfrontarse sobre o terreo partidarios e detractores da exhumación.

Precisamente os donos da empresa que se encargará de levantar a laxa denunciaron publicamente a campaña de insultos, "falsas acusacións e ameazas" que están a sufrir e subliñaron que son "totalmente alleos a intereses partidistas e a decisións políticas ou xudiciais".

Reproches tamén da comunidade benedictina do Val dos Caídos, que denunciou que a actuación das forzas de seguridade e dos operarios na basílica foi e "é totalmente incompatible" co principio de inviolabilidade dos lugares de culto e os dereitos da comunidade relixiosa, o que puxeron en coñecemento da xerarquía eclesiástica.

Todo preparado para a exhumación de Franco
Comentarios