Vox sería terceiro en Madrid... e aínda non ten nin candidato

Unha sondaxe de Telemadrid sitúa a Carmena como a máis votada pero o centrodereita podería gobernar

Carmena. ZIPI
photo_camera Carmena. ZIPI

Vox adianta tamén a Ciudadanos no Concello de Madrid e convértese, cun 17,3 por cento de intención de voto, na terceira forza política mentres que Más Madrid segue en primeiro lugar seguido do PP, aínda que ambas as formacións rexistran un descenso nas súas perspectivas electorais (do 1,7 e o 1% respectivamente), segundo o último barómetro Madridata de Telemadrid sobre as próximas eleccións municipais. 

Esta sondaxe apunta que o PP podería obter a Alcaldía de Madrid se alcanza un pacto con Vox e Ciudadanos, similar ao que tivo lugar en Andalucía. Pola súa banda, o PSOE sobe a súa intención de voto en máis de dous puntos aínda que se mantén en quinto lugar mentres que a candidatura de EU queda nun residual 1 por cento. 

A enquisa recolle que a candidatura da alcaldesa, Manuela Carmena, baixo as siglas de Más Madrid sería a máis votada cun 24,1 por cento de intención de voto, aínda que cae a súa intención nun 1,7 por cento. 

En segundo lugar sitúase o PP cun 21,5 por cento aínda que a candidatura encabezada por José Luís Martínez Almeida tamén cae un punto porcentual con respecto ao anterior barómetro. 

Pola contra, a formación de Santiago Abascal segue en alza e logra desbancar a Ciudadanoscomo terceira forza política ao aglutinar o 17,3 por cento de intención de voto e aumentar 2,4 puntos. Vox aínda non designou ao seu candidato ao Consistorio madrileño. 

Pepu Hernández, o máis valorado
En canto á valoración de líderes, o mellor puntuado é Pepu Hernández cunha nota de 4,51 e un nivel de coñecemento do 75 por cento dos entrevistados. En segundo lugar figura José Luís Martínez Almeida (4,47 puntos e un coñecemento do 66,5%). 

A alcaldesa Manuela Carmena é a máis coñecida (99%) pero é terceira en nota media (4,26). á súa vez, Begoña Villacís sitúase como a cuarta candidata en valoración (4,24 de nota media), cunha popularidade do 86 por cento.