Zuckerberg descúlpase pola filtración de Facebook: "Foi o meu erro e síntoo"

O fundador da rede social comparecerá ante o Congreso de EE UU

Mark Zuckerberg, fundador de Facebook. ALBERTO ESTEVEZ
photo_camera Mark Zuckerberg, fundador de Facebook. ALBERTO ESTEVEZ

O fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, pedirá desculpas este martes no Congreso de EE UU nunha comparecencia sobre a súa xestión da rede social, a polémica filtración de datos de millóns de membros da rede social a unha consultora política e a divulgación de noticias falsas. "Foi o meu erro e síntoo", dirá o directivo segundo o testemuño filtrado aos medios.

Zuckerberg, de 33 anos, comparecerá o martes e mércores ante tres comités —dous do Senado e un da Cámara de Representantes— para responder as preguntas dos lexisladores sobre o escándalo pola filtración de datos a Cambridge Analytica e sobre outros asuntos.
Fronte ao Comité de Enerxía e Comercio da Cámara de Representantes, Zuckerberg asumirá a súa responsabilidade pola filtración de datos, as "noticias falsas" difundidas a través da súa rede social e a suposta inxerencia de Rusia nas eleccións de varios países, incluídos EE UU, Francia e Alemaña.

"Está claro agora que non fixemos o suficiente para previr que estas ferramentas fosen usadas para facer dano. Isto refírese ás noticias falsas, a interferencia estranxeira en eleccións, o discurso do odio e a privacidade de datos", dirá este martes Zuckerberg, segundo o testemuño filtrado aos medios.

"Non tivemos —continuará— unha visión o suficientemente ampla de cal era a nosa responsabilidade e iso foi un gran erro. Foi o meu erro e síntoo. Comecei Facebook, adminístroo e son responsable do que sucede alí".

Ademais, Zuckerberg recoñecerá que a súa compañía reaccionou "de xeito lento" á suposta inxerencia de Rusia nas eleccións estadounidenses de 2016, algo que Moscova nega e que, en EE UU, está a ser investigado polo fiscal especial Robert Mueller.

O testemuño menciona á empresa Internet Research Agency, con sede en San Petersburgo (Rusia) e á que Mueller acusa de colleitar datos de cidadáns estadounidenses.

Por primeira vez, Zuckerberg revelará este martes que esa empresa rusa "actuou repetidamente de xeito enganoso" tratando de manipular a cidadáns de Europa, Estados Unidos e Rusia. En concreto, Zuckerberg cre que Internet Research Agency chegou a 126 millóns de persoas mediante unha soa páxina de Facebook, mentres que a empresa rusa alcanzou a 20 millóns de persoas en Instagram, onde os usuarios compartiron ou expresaron simpatía por contido vinculado a esa compañía rusa.

Zuckerberg mencionará no seu testemuño algunhas das eleccións deste 2018, como as de Brasil e México, e asegurará que a súa compañía está a traballar para evitar máis incidentes.

A comparecencia producirase despois de que en marzo varios medios revelasen que a empresa británica Cambridge Analytica tivo acceso en 2014 a datos recompilados por Facebook e usou esa información para construír un programa informático destinado a predicir as decisións dos usuarios e influír nelas.

A empresa Cambridge Analytica supostamente colaborou co equipo do agora presidente, Donald Trump, durante a campaña para as eleccións de 2016.

Nun principio, Facebook cifrou en 50 millóns o número de afectados, pero a principios de abril admitiu que Cambridge Analytica accedeu en todo o mundo aos datos de 87 millóns de usuarios (a maioría de Estados Unidos). 

Comentarios