A Biblioteca de Galicia inaugura unha mostra para poñer en valor a iconografía xacobea

Biblioteca de Galicia retoma actividade poñendo en valor iconografía xacobea

 

Imaxe da inauguración da mostra. XUNTA
photo_camera Imaxe da inauguración da mostra. XUNTA

A Biblioteca de Galicia retoma a súa actividade tras o verán coa exposición Imago Sancti Iacobi: A iconografía xacobea, unha mostra de máis de 40 obras nas que se pon en valor a iconografía xacobea desde o século XVI ata a actualidade.

A mostra, configurada a través dos fondos da Biblioteca de Galicia, está composta de seis vitrinas con diferentes manuscritos, facsímiles, códices, libros, revistas e imaxes nos que poden observarse as diferentes iconografías non só do apóstolo Santiago, senón tamén doutros símbolos asociados, como a cruz da Orde Santiago, ou referentes á cidade e ao Camiño, como a vieira ou a frecha amarela.

MÁIS DE 40 OBRAS. A exposición foi inaugurada este xoves na Biblioteca de Galicia en Santiago de Compostela polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e un dos comisarios da mostra, Daniel Buján.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ha destacado no seu discurso "a importancia e a diversidade dos valiosos fondos dos que dispón a Biblioteca de Galicia" e a idoneidade de ofrecer no Ano Santo esta "antoloxía significativa da iconografía xacobea, das representacións do Camiño de Santiago e do fenómeno das peregrinacións".

Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estender o coñecemento do Camiño de Santiago e da cidade de Compostela.

En concreto, poderán verse as primeiras imaxes da cidade de Compostela, xa presentes nos primeiros volumes manuscritos dos séculos XII e XIII, ademais de representacións do Apóstolo, que se continúan a través de impresos dos séculos XVI ao XIX, e nos que se observan diferentes imaxes de Santiago entronizado, como peregrino ou dacabalo.

Ademais, están presentes na mostra simboloxías como a cuncha, o báculo ou a cabaza que adornan as figuras de tantos peregrinos reflectidos en libros e estampas.

Doutra banda, a exposición reflicte tamén "a reinterpretación" que fixeron algúns dos grandes intelectuais galegos de comezos do século XX do tema xacobeo, imaxes tan identificables na actualidade como a frecha amarela ou o famoso Pelegrín, a imaxe promocional máis difundida do Xacobeo de 1993.

Imago Sancti Iacobi: A iconografía xacobea poderá ser visitada na Biblioteca de Galicia de setembro a novembro de forma gratuíta.

'10 ANOS, 10 AUTORES, 10 LIBROS'. Durante a presentación, a xefa de servizo da Biblioteca, Noelia Bascuas, lembrou que esta exposición é a primeira actividade realizada pola institución neste novo curso e que serve tamén para conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca.

Así, con ese mesmo obxectivo, a institución volve poñer tamén en marcha o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, no que algunhas das voces narradoras máis representativas de Galicia comparten co público as súas suxestións literarias.

A primeira cita será este venres ás 19:00 horas coa autora Final Casalderrey, que abrirá un faladoiro no Auditorio Neira Vilas e estará acompañada por Eulalia Agrelo, profesora de Didáctica da Lingua da Universidade de Vigo.

A súa charla terá como referencia Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao que Fina Casalderrey recoñece como "un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal".

O ciclo continuará ata o mes de outubro coas intervencións de Pedro Feijoo (o 17 de setembro), Héctor Castiñeira (o 1 de outubro), Andrea Maceiras (15 de outubro) e Juan Tallón (o 29 de outubro) ata completar a nómina do dez participantes nestas xornadas, que abriron o pasado mes de xaneiro con Arantza Portabales, Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar e María Canosa.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios