martes. 11.05.2021 |
El tiempo
martes. 11.05.2021
El tiempo

Carlos Núñez e unha trintena de artistas darán a benvida ao Ano Xacobeo

Os operarios ultiman os preparativos na Porta Santa da catedral de Santiago. EFE
Os operarios ultiman os preparativos na Porta Santa da catedral de Santiago. EFE
A Televisión de Galicia retransmitirá todo o acto a través do sinal convencional e da súa canle de Youtube

A cerimonia de apertura da Porta Santa da catedral de Santiago de Compostela contará, este xoves 31 de decembro, coa participación do "gaiteiro" Carlos Núñez, quen presentará un vídeo documental no que unha trintena de artistas darán a benvida ao Xacobeo 2021.

O vídeo conta coa colaboración de músicos como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, Rozalén, Amaral, Iván Ferreiro ou Andrés Suárez; escritores; artistas da música celta e galega como Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Fon Román que, nas súas intervencións, “saúdan a esperanza de volver atoparse nesta Galicia que forma parte de todos eles dun xeito ou doutro”.

Así o avanzou este martes en rolda de prensa a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que revelou os detalles da cerimonia de inauguración do Ano Santo, un “acto inspirador de reducidas dimensións, acorde á actual situación sanitaria”.

Desde o Goberno galego queren con esta celebración conmemorar “o comezo deste Xacobeo 2021, que está chamado a ser motor de recuperación emocional e económica para toda Galicia”.

Este proxecto audiovisual “representa todo o que queremos que sexa este Xacobeo”

“A conta atrás que dá comezo ao Xacobeo 2021 finaliza coa apertura da Porta Santa” polo que se preparou “un acto especialmente simbólico que queremos achegar ao maior número de persoas”, sinalou Castro.

A retransmisión chegará a 16 países de Europa e América como Italia, Portugal, Holanda ou Arxentina, grazas a colaboración de Turespaña a través de pantallas como as que haberá en praza do Gran Sablón en Bruxelas, na praza do Duomo en Milán, a de Pistoia na Haia, ou en Buenos Aires.

Ademais, a Televisión de Galicia retransmitirá todo o acto a través do sinal convencional e da súa canle de Youtube.

Tamén será un acto seguido polas máis de 350 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e os 150 centros galegos repartidos polos cinco continentes, así como polos centros culturais da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que tamén colaborarán na difusión do acto, o que permitirá que o comezo da celebración do Ano Santo compostelán chegue a milleiros de persoas en todo o mundo.

Tras o acto litúrxico coa apertura da Porta Santa, Carlos Núñez interpretará dúas pezas especialmente escollidas para a ocasión que se completarán coa proxección na praza da Quintana dun percorrido visual e musical pola historia de Galicia e do Camiño.

Este proxecto audiovisual “representa todo o que queremos que sexa este Xacobeo”, que aínda que “será diferente a calquera outro”, busca ser aberto e integrador, “pero, sobre todo, seguro e diversificado por todo o territorio”, incidiu a responsable galega de Turismo.

Carlos Núñez e unha trintena de artistas darán a benvida ao Ano...
Comentarios