Cultureume documenta o paso do Camiño de Santiago polo concello das Pontes

Varios escritos de 1716 recollen o paso de forasteiros en ruta santa pola vila e en 1750 foi soterrado un home con atributos de peregrino
Peregrinos bajo la lluvia. ELISEO TRIGO
photo_camera Peregrinos baixo a choiva. ELISEO TRIGO

A entidade pontesa Cultureume vén de documentar o paso dunha antiga vía do Camiño de Santiago polo municipio das Pontes, un estudo sobre o patrimonio histórico da localidade, que se iniciou o pasado marzo desde o Concello. O obxectivo do equipo de goberno, recalca a edila de turismo, Elena López, é "recuperar os camiños históricos da vila e convertelos nun atractivo turístico".

Este achado súmase ás sendas xa documentadas que pasan pola localidade, como o Camiño dos Arrieiros, que ía ao porto de Bares, o Camiño Real da Graña a Castela, o de Mondoñedo a Ferrol -denominado en varios escritos de parroquias da diócese como Camiño Francés-, e o de Betanzos a Viveiro. Tamén se cre que houbo unha ruta das Pontes a Pontedeume e, desde A Vila, sairía outra a Betanzos a través do Val de Xestoso.

Deste xeito, Cultureume puido constatar "con claridade" que o núcleo das Pontes foi "un centro de peregrinos" e nel existiu un albergue que "recollía o tránsito de peregrinos que ían a Santiago de Compostela desde o norte de Galicia e ademais recibía a peregrinos do Camiño Francés, procedentes de Mondoñedo e Viveiro".

Asemade, confirmouse que no libro de fábrica da parroquia de Santa María das Pontes existe unha referencia no ano 1716 que fala da localidade pontesa como "lugar de paso de moitos forasteiros que se atopan en camiño santo", ademais de que se documentaron dúas referencias "explícitas" a ese Camiño Francés "nunha descrición das propiedades diocesanas realizada en 1617, con motivo da visita do bispo Luis Tello de Olivares" ás Pontes.

Este estudo vén a corroborar a "importancia" das Pontes como "punto estratéxico de tránsito de persoas desde épocas temperás"

Por outra banda, púidose confirmar a presencia dun hospital de pobres, viandantes e peregrinos en 1752, situado dentro das murallas, composto por unha habitación, unha adega e unha capela e para o que se dispón "de varias facendas aforadas para o seu mantemento". O traballo recolle que na igrexa de Santa María, próxima ao hospital de peregrinos de San Xoán Bautista, foron enterrados, segundo o libro de defuncións parroquial, forasteiros e peregrinos de diversos lugares da costa cantábrica. Máis concretamente, fala de que o 12 de decembro de 1750 foi soterrado un home que "conforme ao seu traxe e atributos, era un peregrino francés".

Este estudo vén a corroborar a "importancia" das Pontes como "punto estratéxico de tránsito de persoas desde épocas temperás", cuxas pontes levantadas para cruzar o río Eume fixo que a vila se coñecera como Pontibus De Eume, As Pontes de Eume.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios