Unha imaxe da Virxe traída desde Éfeso peregrinará dende A Mariña ata Santiago

A iniciativa Madre Ven recala este xoves en Ribadeo e despois irá a Trabada e Mondoñedo
Porto deportivo de Ribadeo, onde chegará a peregrinación. AEP
photo_camera Porto deportivo de Ribadeo, onde chegará a peregrinación. AEP

O Club Náutico de Ribadeo informa da próxima chegada á comarca da peregrinación Madre Ven, posta en marcha por un grupo de laicos e sacerdotes que levan por toda España unha imaxe da Inmaculada Concepción traída desde Éfeso. Entrará en Galicia por Ribadeo e a súa chegada en barco está prevista para mañá ás seis e media da tarde en Porcillán.

A continuación a imaxe será trasladada en andas polos fieis ata a igrexa ribadense de Santa María do Campo, onde se celebrará unha misa na súa honra. No seu paso pola comarca tamén irá a Trabada e chegará á catedral de Mondoñedo o sábado ás seis da tarde. A continuación visitará Abadín, Vilalba, As Pontes e Ferrol, onde a peregrinación -que saíu o 1 de maio da basílica do Pilar de Zaragoza- tomará o Camiño Inglés ata Santiago para entrar o día 23 por Porta Santa da catedral, na que permanecerá ata o 25, día do Apóstolo.

A imaxe seguirá percorrendo os principais santuarios marianos do país ata o 12 de outubro, onde terminará a peregrinación ante o Sacro Corazón de Jesús no Cerro dos Ángeles. "Queremos rememorar a visita da Virxe María ao Apóstolo Santiago peregrinando unha imaxe da Inmaculada desde Zaragoza ata Compostela e polos lugares máis significativos da espiritualidade mariana en España", explica Jaime Bertodano, vigairo de Apostolado Seglar da diocese de Xetafe (Madrid), onde comezou a fraguarse o proxecto.

Quen o desexen poderán acoller á Virxe á chegada á súa parroquia ou peregrinar ao seu lado nunha etapa. "A idea é que sexa acompañada no traxecto polos fieis das parroquias por onde pase e que se organicen momentos litúrxicos e de oración á chegada a cada parroquia", explican desde a organización, que engaden que hai máis información na web www.madreven.es

A imaxe veu en avión expresamente para este percorrido desde Éfeso, na actual Turquía, o lugar onde segundo recordan os organizadores a Virxe María viviu os seus últimos anos en compañía de San Juan Evanxelista. "A súa casa foi descuberta no século XIX e é hoxe lugar de culto e devoción", apuntan.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios