Celeiro: "Estes anos Xacobeos deben servir para potenciar a industria cultural"

O escritor e xornalista samonense é experto no Camiño de Santiago e como tal, será o encargado de dar o pregón da Festa do Peregrino de Triacastela este domingo 
luís celeiro
photo_camera Luís Celeiro Álvarez, xunto a unha mouteira do Camiño. EP

Como ten vivido vostede a experiencia da peregrinación?

Fixen o Camiño en moitas ocasións e distintos camiños, pero non me considero exactamente un peregrino. Creo que o Camiño ten un aquel que engancha, de feito case todos os que o fixeron queren volver, non só a esa ruta senón iniciar outras. É un espazo magnífico para a reflexión, un espazo de comunicación e de tránsito perfecto, en contacto coa natureza, a arquitectura, a arte e as persoas. Hai un patrimonio realmente gustoso de ver. Creo que os peregrinos séntense como na súa casa e acaban á noite cansos, pero coa cabeza despexada.

Dende o outro punto de vista foi un dos impulsores do Xacobeo 93. Que recordos garda desa etapa?

Aquel programa, capitaneado polo conselleiro Vázquez Portomeñe, foi unha especie de espertar do Camiño, serviu para que se convertera en motor da dinamización económica. De feito, aquel primeiro ano houbo en Galicia unha diferenza do PIB con respecto ao resto de comunidades do Estado español de dous puntos. O Xacobeo 93, dos poucos proxectos valorados unanimemente pola xente, daba unha participación ás cidades, ós pobos e ás persoas. Probablemente foi, e segue sendo hoxe en día, a industria máis importante que se xerou en Galicia.

E agora que estamos neste Ano Santo, con continuidade no 2022, que cre que van supoñer para Galicia estes dous fitos?

Creo que se se aproveitan tiñan que servir para o desenvolvemento cultural de Galicia, para algo que eu creo que é necesario: xerar redes de industria do que temos, e o que temos é cultura. Creo que había que potenciar a industria cultural en cada un dos lugares. E estes dous anos de Xacobeo poden servir para crear infraestruturas que permitan tamén o asentamento de poboación. As zonas de montaña, que sofren o baleirado, necesitan un revulsivo e a min paréceme que o Xacobeo podería axudar a crear ese tipo de industrias localizadas na zona en base á paisaxe, aos monumentos... En Triacastela, por exemplo, temos a Cova Eirós, con mostras de arte parietal de 9.000 anos, iso quere dicir que hai unha zona con tradición, con cultura e isto hai que transmitilo, poñelo ao servizo da que permitan tamén o asentamento de poboación. As zonas de montaña, que sofren o baleirado, necesitan un revulsivo e a min paréceme que o Xacobeo podería axudar a crear ese tipo de industrias localizadas na zona en base á paisaxe, aos monumentos... En Triacastela, por exemplo, temos a Cova Eirós, con mostras de arte parietal de 9.000 anos, iso quere dicir que hai unha zona con tradición, con cultura e isto hai que transmitilo, poñelo ao servizo da colectividade, do futuro. A cultura ten que servir para xerar riqueza e que a xente poida vivir nos pobos e ter traballo. Parece que Triacastela ou Samos están nunha esquina e eu creo que non, historicamente estiveron no centro e agora volven estalo. Tamén considero moi positivo o labor das institucións públicas, a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés, as asociacións de amigos do Camiño e os colectivos culturais en xeral.

Que papel diría que xoga o Camiño nestes tempos de pandemia?

A min páreceme que o Camiño é un espazo seguro, probablemente dos máis seguros que podemos atopar. Dáme a impresión de que a pandemia non vai ter máis incidencia da que tivo. En toda a historia foi un camiño de solidariedade, interacción e hospitalidade e creo que o seguirá sendo.

Ás veces semella que nos centramos moito no número de peregrinos, en cuantificar. Pode ser que descoidemos outros aspectos como os valores do Camiño?

Eu creo que non se deberían descoidar eses valores, como digo, a solidariedade, a comunicación, o respecto, a convivencia... Hai que apoialos, non só defendelos. O Camiño tamén ten que servir para xerar negocio, pero ese negocio ten que ser para toda a poboación, non só para especuladores.

Existe un debate sobre a ampliación dos cen quilómetros para obter a compostela. Vería interesante aumentar esa distancia?

Eu a iso non lle dou importancia. É unha cuestión da Igrexa. Que se poñan máis quilómetros para dar a compostela paréceme unha cuestión indiferente. Algunhas asociacións e persoas prefiren que se modifique, pero eu creo que ten unha importancia insignificante, da mesma maneira que a maioría da xente que peregrina non colle a compostela. É un certificado que naceu para cando os peregrinos retornaban e tiñan que cruzar varios países, hoxe non ten ese valor.

A nivel persoal vén de ser elixido como pregoeiro en Triacastela e hai uns meses foi nomeado Valedor do Camiño en Samos. Como recibe estes recoñecementos que proceden da súa terra?

Sinto unha enorme gratitute pola xente do meu pobo, da miña zona, de toda a montaña. Este tipo de actividades contribúen a valorar ou revalorizar o que somos nós dende unha perspectiva cultural. Síntome moi satisfeito con poder facer esa contribución e moi honrado de que me chamen.

Da man da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) están percorrendo a comarca coa exposición sobre as cantigas do trobador Martín de Padrozelos, natural de Samos. Que acollida está tendo a mostra?

Moi boa, tanto nos concellos como nos medios de comunicación e nun sector que para min é moi importante, que é o sector educativo. Temos peticións de varios institutos de Galicia. Para nós é unha satisfacción que teñan interese por coñecer as cantigas deste trobador, que tamén foron musicalizadas pola Quenlla. Foi o primeiro poeta da literatura galega. Que sexa da montaña, desta zoa, é un orgullo para todos. 

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios