Nace nunha finca de Barbadelo un proxecto de bosque de peregrinos

Consiste en repoboar con árbores autóctonas un espazo natural do Camiño
Un grupo de peregrinas norteamericanas plantaron árbores onte pola mañá. THE WAY TOURS
photo_camera Un grupo de peregrinas norteamericanas plantaron árbores o domingo pola mañá. THE WAY TOURS

Unha finca da parroquia de Barbadelo (Sarria) foi elixida para pór en marcha O bosque dos peregrinos, un proxecto da axencia de viaxes on line con base en Castela-León The Way Tours para repoboar con árbores autóctonas un espazo natural do Camiño de Santiago, axudando así á conservación do medio ambiente.

Un grupo de peregrinas de Texas, California e Hawai que percorren a ruta xacobea dende Roncesvalles estrearon esta iniciativa plantando onte seis carballos en Barbadelo co obxectivo de protexer a natureza como valor de futuro.

Segundo explica a empresa, especializada no Camiño e en sendeirismo e con oficinas en Galicia e norte portugués, este proxecto xurdiu durante a pandemia, aproveitando unha finca que ten en propiedade nesta parroquia sarriá, onde os peregrinos poderán mitigar o quentamento global coa súa acción de plantar unha árbore.

A idea é repoboar estes terreos cunha árbore autóctona por cada unha das persoas que percorra o Camiño con The Way Tours, ás que lles fará entrega dun certificado co nome da especie, a xeolocalización e o rexistro da pegada de carbono, a compensación e os proxectos de absorción de emisións.

"El único turismo posible hoy es aquel que es sostenible y del todo respetuoso con el medio natural y social donde se desarrolla", afirman os promotores desta iniciativa, que plantean "crear unha masa forestal de gran valor medioambiental" e, ademais, facelo en colaboración coa poboación local para aportar valor social e económico á zona. "Queremos conseguir que los árboles sigan siendo el hogar de más del 80% de la biodiversidad mundial", engaden.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios