Seis novos influencers na segunda edición de Instagramers no Camiño

A presentación da segunda edición de Instagrammers no Camiño
photo_camera A presentación da segunda edición de Instagrammers no Camiño.

A actriz Cristina Castaño, os cantantes Luís Cepeda e Roi Méndez e os "influencers" Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño -que xa acudira na primeira edición- participarán na segunda edición de 'Instagramers no Camiño' co obxectivo de facer chegar a experiencia do Camiño aos seus máis de 3,6 millóns de seguidores, que suman entre o seis. 

Este seis "instagramers" percorrerán entre o 30 de marzo e o 3 de abril, desde Ourense, os últimos 100 quilómetros da Vía da Prata e contarán a través das súas redes sociais as súas vivencias diarias no Camiño nos seus perfís de Instagram baixo os 'hashtags' #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia

A Xunta puxo un ano máis en marcha esta iniciativa con seis galegos "influencers" nas redes sociais porque consideran que serán "os mellores embaixadores do Camiño" e un apoio "moi importante" para chegar ás xeracións máis novas que empregan as redes como ferramenta para comunicarse.
 
Na presentación desta iniciativa, este sábado no Pazo de Liñares, en Lalín, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que este proxecto mantén a esencia de transmitir a mensaxe de que "Galicia está de moda" e de que é "un destino seguro" para gozar tanto como turista ou como peregrino da "natureza, de espazos abertos e de pouca masificación". 

A primeira edición de Instagramers no Camiño xerou 13 millóns de impactos

Ademais, Rueda puxo en valor que a primeira edición desta iniciativa alcanzou máis de 13 millóns de impactos procedentes dalgunha das publicacións que os participantes subiron ás súas redes durante a súa peregrinación, que o ano pasado transcorreu polo Camiño Portugués da Costa. 

A Xunta pretende que esta acción sexa unha oportunidade para promover, no inicio da temporada alta do Xacobeo 21-22 e coa proximidade da Semana Santa, que Galicia celebra un "Ano Santo dobre". 

Nesta mesma liña, Alfonso Rueda explicou que o labor de promoción que realiza a administración autonómica neste ámbito contribuíu a que Galicia se convertera o ano pasado nun "destino de moda" e se situase entre as comunidades con maior recuperación da demanda turística, superando mesmo en agosto as cifras prepandemia. 

 

 

Más en Actualidad Xacobea