Palas será a primeira localidade galega cun escape room vinculado ao Camiño

Os usuarios deberán percorrer os municipios da ruta xacobea “resolvendo probas, pistas e enigmas”
The Escape Way.
photo_camera The Escape Way.

A localidade de Palas de Rei converterase este venres -día 14 de maio- na primeira poboación de Galicia que lles ofrecerá aos seus visitantes a posibilidade de participar de forma gratuíta nun xogo de escapismo, un escape room urbano, vinculado ao Camiño de Santiago, que leva por título The Escape Way.

Trátase dunha nova iniciativa da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), financiada polo Ministerio de Cultura e Deporte, para dar a coñecer dunha forma diferente o Camiño de Santiago, así como as poboacións polas que discorre a ruta xacobea.

“O proxecto forma parte dunha liña de traballo da AMCS para divulgar e promocionar o Camiño de Santiago entre o sector novo da poboación, buscando tamén unha implicación no futuro deste sector coa itinerario cultural”, explicou o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada.

The Escape Way pretende ser unha experiencia turística dinámica, ofrecida desde o sector público, que implique aos visitantes nos percorridos polos municipios a través dun xogo. Aínda que tamén o poderán facer peregrinos, está pensado para achegar a futuros visitantes ao Camiño de Santiago a través dos seus pobos e cidades”, engadiu Taboada.

“Deberán chegar ata o final e salvar o Camiño de Santiago dunha seita secreta que pode facer perigar a peregrinaxe"

Aínda que ten a súa orixe no xogo coñecido como escape room, neste caso os usuarios non estarán encerrados en ningunha sala, senón que a acción trasládase ás rúas das cidades e pobos do Camiño de Santiago.

Os usuarios deberán percorrer os municipios “resolvendo probas, pistas e acertijos”, explicou Taboada, para aprender de paso cousas novas sobre “os destinos” polos que pasan e sobre a historia e as particularidades do propio Camiño.

“Deberán chegar ata o final e salvar o Camiño de Santiago dunha seita secreta que pode facer perigar a peregrinaxe. Xa que logo, ten elementos dos coñecidos como escape rooms, das yincanas tradicionais e tamén dos geocaching (procura de tesouros mediante GPS)”, explicou, e “ao final de todos Escape Way os usuarios deberán buscar algo escondido en cada municipio”.

A primeira fase do proxecto está composta por unha serie de 6 xogos de escapismo no Camiño de Santiago, nas localidades socias da AMCS: Arrés (Bailo, Aragón), Os Arcos (Navarra), Santo Domingo da Calzada (A Rioxa), Belorado (Burgos), Astorga e Palas de Rei (Lugo, Galicia).

Todos eles estarán dispoñibles ao público a partir de maio e foron aprobados polo Consello Xacobeo para formar parte da axenda oficial do Xacobeo 2020/21.

Tal e como sinalou o alcalde de Palas de Rei, ao longo deste ano, novos municipios do Camiño ofrecerán estes xogos nos seus territorios, “todos eles diferentes, pero englobados baixo a marca ‘The Escape Way' de tal forma que o visitante que goce a experiencia en Arrés poida visitar Os Arcos, ou outra localidade, e divertirse cunha nova experiencia”.

Ademais, poderán coleccionar os selos da Credencial de Escapista, un documento parecido á credencial peregrina pero que nace con este xogo.

Os xogadores deberán ir ás Oficinas de Turismo para inscribirse e recoller a súa “credencial do escapista” que contén os datos necesarios para descargarse a App e acceder a todos os xogos, que teñen unha duración aproximada de 40-60 minutos.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios