A Pena, no quilómetro 100 do Camiño Francés, renova imaxe

A subdelegada do Goberno visita as obras neste núcleo tradicional de Paradela, que financia o Mitma con máis de 500.000 euros
Un membro da comitiva fotografa a dous peregrinos na mouteira 100 en presenza de Rodríguez e Mato. VILA
photo_camera Un membro da comitiva fotografa a dous peregrinos na mouteira 100 en presenza de Rodríguez e Mato. VILA

Unha das imaxes que non falta nas cámaras dos peregrinos que percorren o Camiño Francés é a da mouteira que marca o mítico quilómetro 100 a Compostela. Este fito, que anteriormente se atopaba en Sarria, cambiou de localización hai cinco anos coa nova delimitación da ruta xacobea e pasou a situarse na Pena (Paradela), nun núcleo tradicional que está a ser acondicionado con máis de 534.000 euros.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) financia estes traballos, que onte recibiron a visita da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acompañada, entre outros, do alcalde de Paradela, José Manuel Mato.

As obras, adxudicadas á empresa Construcións Taboada e Ramos, comezaron na primavera e teñen un prazo de execución de dez meses. Afectan a unha superficie de 1.700 metros cadrados e supoñen a posta en valor dun núcleo singular da parroquia de Ferreiros, que conserva elementos como unha fonte ou unha parra que dá acubillo e sombra, sobre as cales tamén se actuará.

A intervención leva a dotación de abastecemento, saneamento e rede de pluviais, así como a eliminación de tendidos aéreos. Outra parte será a nova iluminación led, segundo explicaron onte responsables da obra, quen tamén indicaron que se recuperarán algúns muros.

Durante a súa visita, Isabel Rodríguez destacou a aposta do Goberno central por revitalizar o Camiño con proxectos de interese cultural en Pas, Portomarín, Paradela, Sarria, Triacastela, Monterroso e Pedrafita, ás que se sumarán as obras do Plan Turístico Nacional Xacobeo que afecta a bens como o Muíño do Toleiro.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu a mellora da Pena e avanzou que o Concello prepara tamén unha actuación na mouteira 100.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios