A VI Xornada de Onomástica analizará denominacións de lugares que atravesan o Camiño

Celebrarase o próximo 16 de outubro no Museo de Pontevedra

A VI Xornada de Onomástica que acollerá o Museo de Pontevedra o 16 de outubro analizará denominacións de lugares que atravesan as rutas xacobeas, coincidindo co Xacobeo 2021-22. 

Deste xeito, especialistas abordarán a toponimia do primeiro Itinerario Cultural Europeo en sesións que poderán seguirse en directo mediante a páxina web da Real Academia Galega que organiza o encontro xunto á Deputación de Pontevedra. As persoas interesadas en participar de modo presencial poderán inscribirse a través do correo electrónico da RAG ([email protected]) ata o próximo 14 de outubro. 

A xornada, cuxo programa coordinan as académicas Ana Boullón e Luz Méndez, centrarase no estudo dos topónimos de lugares que atravesan as rutas xacobeas e a evolución dos nomes de Gallaecia e Hispania durante a Idade Media, así como no de denominacións literarias recollidas no Códice Calixtino. 

Tamén se analizarán a presenza da onomástica de Santiago fóra de Galicia e a aplicación didáctica da toponimia do Camiño en centros educativos. Posteriormente, pola tarde, a xornada acollerá unha mesa redonda sobre estudos toponímicos da ruta xacobea e a posibilidade de que a comunidade se conforme como centro dos estudos de denominacións de lugares en Europa.

PARTICIPANTES. Esta mesa redonda estará conformada polo académico Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. 

Así mesmo, os relatorios contarán coa participación dos profesores de secundaria Sandra Beis, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro, así como coa do docente da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) Anselmo López e os da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Pilar Cagiao e José María Anguita Xaén. 

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios