Xacobeo no Interior comeza en Sarria

A Praza da Vila acollerá este venres, a partir das 21.00 horas e con entrada libre e gratuíta, as dúas primeiras actuacións —Guadi Galego e De Vacas— do ciclo de concertos dunha programación cultural coa que a Xunta de Galicia quere descentralizar os eventos deste Ano Santo para achegalos a todos os recunchos da comunidade autónoma
De Vacas. EP
photo_camera De Vacas. EP

Sarria acollerá este venres o inicio do ciclo de concertos Xacobeo no Interior, unha programación que achega a música en directo ata esta vila lucense coas actuacións de Guadi Galego e De Vacas. Continuará o 10 de xullo en Ourense con Os D'Abaixo e Guadi Galego na Rúa, e rematará con Uxía & Javier Ruibal e Leilía no Castelo de Monterrei o 4 de agosto.

Os concertos desenvolveranse nun espazo tan céntrico como é a Praza da Vila, a partir das 21.00 horas, con entrada libre e gratuíta para todos los públicos.

O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e aos visitantes das comarcas de Sarria, Monterrei e Valdeorras, apoiando a promoción dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño para "non centralizar os concertos xacobeos en Santiago de Compostela", tal como destacou Nava Castro, a directora de Turismo de Galicia.

Xacobeo no Interior mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humo, para que "a música galega brille con luz propia", segundo destacou Manuel Roxo responsable de produción do ciclo de concertos. "Faime especial ilusión estar nalgunhas localidades nas que non estiven nunca. Sabemos que imos dalo todo", destacou pola súa banda Guadi Galego.

O ciclo enmárcase dentro da programación de Concertos do Xacobeo, que leva a 300 artistas de primeiro nivel a todo o territorio de Galicia durante este Ano Santo extraordinario.

Na súa programación inclúe 70 eventos musicais nas catro provincias galegas con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos, desde Rosalía a Luis Fonsi, Marc Anthony, Imagine Dragons, C. Tangana, Hombres G, Bunbury, Rozalén ou Placebo, así como figuras do panorama nacional como Beret, M-Clan, Taburete, Los Secretos, Coque Malla, Víctor Manuel o Miguel Ríos. Tamén participan representantes da música galega como Iván Ferreiro, Xoel López, Tanxugueiras ou Roi Casal.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou na presentación do programa que será "a memoria colectiva que deixará pegada entre todos os que participen nun Xacobeo histórico". Rueda lembrou naquel entón que neste ano Santo no que Galicia recupera a ilusión tras a pandemia está a rexistrarse unha marca de peregrinos aos que convidou a sumarse á oferta cultural, lúdica e musical programada para un evento de transcendencia universal.

"Temos un cartel á altura do que Galicia merece, un cartel que repartimos polos Camiños para recibir a turistas e peregrinos co afecto e a hospitalidade que sempre nos caracteriza. Isto é o que estabamos a esperar desde fai moito; isto é Xacobeo en estado puro", esgrimiu, antes de trasladar o seu agradecemento a todas as entidades patrocinadoras.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, referíase naquel entón á ilusión e simbolismo que supón recobrar as grandes celebracións culturais que durante os últimos anos identificaron o Xacobeo.

Rodriguez destacou ademais o "enorme revulsivo" que estes concertos suporán para todos os profesionais da cultura e, por extensión, ao conxunto da economía galega, á espera de que o Ano Santo sexa un "verdadeiro dinamizador e un multiplicador tanto da actividade como do consumo cultural".

Guadi galego. Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual e traballou como profesora no colexio Frei Luis de Granada de Sarria.

Actualmente está en xira co seu último disco, Costuras. Este traballo aúna 10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora amosase tal como é.

Guadi Galego formou parte de Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e gravou con eles tres discos, calorosamente recibidos pola crítica e merecedores de varios premios e recoñecementos. Naquel intre xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións e posteriormente uniríase aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto, co que musicaron versos de Rosalía de Castro.

En outubro de 2019 publicou Immersion, un traballo no que reinterpretou temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares: galego, catalá, castelán, asturianu, aranés, euskera e portugués, coas colaboracións de artistas como Alex Insua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alfredo González, Alidé Sans, Javier Otero, Lisandro Aristimuño, Germán Díaz, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Abe Rábade, Sisters in the house e Xabier Díaz, co que foi galardoada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020. O 20 de novembro deese ano sacou ao mercado e ás redes o seu quinto disco en solitario, Costuras, ao igual que no caso do anterior, cos produtores cataláns Vic Moliner e Pau Brugada (Olivera Estudi).

DE VACAS. De Vacas son a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia. Son tamén Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández. Fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Dende as Spice Girls ata o Gagnam Style, pasando por Enrique Iglesias. Son coñecidas por grandes xites como Amodiño, Noite e Día, ou El anillo pa'cuando?.

Caracterízanse polas súas harmonías cálidas, luces e coidada posta en escena. Seguen amosando a súa querencia por autoras como Marta Sánchez, Rosalía de Castro ou Enrique Igrexas e profundizan nas temáticas de corte social, como é o caso da canción Esmegma ou a composición propia Tetas ao ar María del Mar. As grandes referencias da adolescencia latexan ao fondo. Consideran que son unha fonte inesgotable de creación que queren seguir explorando.

Sen dubida todas aquelas persoas que este venres se acheguen a Sarria poderán gozar dun evento único -nun escenario privilexiado como é o Camiño Francés a Santiago de Compostela- e da hospitalidade da xente sarriá.

Más en Actualidad Xacobea