jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

O 16º Encontro Galego de Ilustración achégase ao puxante panorama da ilustración portuguesa

Celébrase venres e sábado en Compostela e estarán, entre outros, o zaragozano Javirroyo, o navarro Jon Juárez (Harrihorrihar) e as ilustradoras lusas Marta Madureira e Cátia Vidinhas

CARTEL 16encontro A4 O Encontro Galego de Ilustración, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa colaboración do Concello de Santiago e o apoio da Consellería de Cultura e Turismo, celebra entre este venres e o sábado 28 de setembro a súa décimo sexta edición, aberta coma sempre a todo o público interesado nas artes visuais, con entrada libre e gratuíta á maior parte das actividades.

Neste 2019, a programación xirará ao redor de dous grandes temas principais. Por unha banda, realizarase un achegamento ao puxante panorama da ilustración portuguesa e, pola outra, afondarase un ano máis na análise da diversificación profesional que se vive na actualidade dentro do sector.

Con estas liñas de reflexión no horizonte, o groso do Encontro desenvolverase o sábado na Sala Mozart do Auditorio de Galicia cunha programación que incluirá charlas profesionais, mesas redondas e paneis de experiencias. A xornada do sábado arrincará ás 10.45 horas coa presentación oficial do Encontro.

Os ilustradores galegos analizarán os mercados internacionais da ilustración, un sector clave dentro de industrias millonarias como a comunicación, o marketing e o entretemento

Xa ás 11.00 horas terá lugar a primeira charla, que correrá a cargo do ilustrador navarro Jon Juárez (Harriorrihar) baixo o título Debuxar coma un robot, pensar coma un humano; nesa orde. Ás 12.15, será a quenda de Inês Silva, directora da prestixiosa axencia Illustropia, que ofrecerá a charla Marketing e venda do traballo creativo no mercado internacional.

Con estas dúas conferencias, o Encontro Galego de Ilustración abordará dúas perspectivas ao respecto do traballo profesional no sector e a súa diversificación actual, amosando que a día de hoxe a ilustración abrangue ámbitos que van máis aló do mundo editorial, como son o produto ilustrado, a publicidade e a ilustración conceptual para o audiovisual.

Pola tarde, ás 16.00 horas, haberá unha sesión de revisión de portafolios con Inês Silva e Marta Madureira, que analizarán os traballos de ilustradores e ilustradoras previamente inscritos para brindarlles consellos desde a súa experiencia profesional.

A presentadora e actriz Neves Rodríguez encargarase de conducir os actos da xornada

As charlas da tarde do sábado centraranse primeiramente na ilustración en Portugal, co obxectivo de coñecer a perspectiva dos seus creadores e creadoras e de afondar na estratexia de achegamento da AGPI á realidade do país veciño, na que xa están en marcha outros intercambios e colaboración en iniciativas como o Encontro Internacional da Ilustração de São João da Madeira.

A partir das 17.00, Marta Madureira e Cátia Vidinhas farán un repaso á súa traxectoria como ilustradoras nun panel de experiencias, e, inmediatamente despois, xunto con Inês Silva reflexionarán sobre a situación do sector no país veciño nunha mesa redonda titulada Ilustración en Portugal. A actividade no Auditorio de Galicia concluirá ás 19.00 coa charla de clausura de Javirroyo, autor de referencia para a a edición, a banda deseñada e a colaboración en prensa no estado.

Toda a xornada no Auditorio de Galicia estará presentada e conducida pola actriz e comunicadora Neves Rodríguez, premiada en 2018 co Mestre Mateo polo seu traballo no programa Vaia troula! da TVG e condutora durante catro anos do espazo radiofónico Metrópoles delirantes, dedicado á banda deseñada.

O 16 Encontro Galego de Ilustración despedirase ás 00.00 no pub Camalea coa Festa fin de Encontro, consistente nunha Sesión DJ Ilustrada con Pablo Electrocute. Ao longo da picada, producirase a proxección de debuxos realizados en directo a cargo de varios ilustradores.

Ao igual que o conxunto de todas as actividades do sábado, a entrada a esta festa será libre e gratuíta, e só se solicita inscrición previa para asistir á revisión de portafolios con Inês Silva e Marta Madureira.

Obradoiro con Javirroyo
O Encontro Galego de Ilustración, ademais, terá como prato forte do venres un obradoiro de ilustración con Javirroyo. Baixo o título de Mapas Ilustrados para amosar o mundo da túa cabeza, os asistentes poderán aprender a sintetizar ideas e comunicalas con ilustracións sinxelas, tanto como ferramenta narrativa como para a transmisión de conceptos.

O taller terá lugar na Unitaria comezará ás 16.00. Trátase da única actividade deste ano en que para participar se precisa pagar unha inscrición de 15 euros (5 euros no caso dos socios de AGPI). As prazas son limitadas e cómpre anotarse previamente a través dun formulario que se encontra na web do Encontro, agpi.es/encontro.

O 16º Encontro Galego de Ilustración achégase ao puxante panorama...
Comentarios