Abe Rábade lanza un concerto de catro pezas gravado nunha carballeira

O concerto pódese ver a partir na páxina web Portal da lingua galega, no marco do Fondo Xacobeo 2021
Valentín García con Abe Rábade. LAVANDEIRA JR (Efe)
photo_camera Valentín García con Abe Rábade. LAVANDEIRA JR (Efe)

O pianista galego Abe Rábade presentou este xoves a obra audiovisual Abe Rábade. Piano solo entre árbores, un dos proxectos financiados polo Fondo Xacobeo 2021 e no que, no medio dunha carballeira do Concello de Rianxo, Rábade interpreta algunhas das pezas do repertorio ao que deu forma durante o confinamento causado pola pandemia da covid-19. O concerto pódese ver no Portal da lingua galega (www.lingua.gal/abe-rabade).

Na presentación, o músico galego estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola representante de Miraxe, Sociedade Corporativa Galega –encargada de producir o concerto–, Rosa Salgado.

Na peza audiovisual, gravada unha noite de novembro ao aire libre, Rábade interpreta catro pezas jazzísisticas –Liberación, Desexo, Ham-Dam. Improvisation y Freixo– que, segundo explicou en rolda de prensa, foron ideadas e traballadas durante o confinamento. "No medio dun confinamento, no que non se podía saír, adiqueime a traballar só, polo que o único que podía ofrecer a este proxecto eran solos", indicou o pianista galego.

Ademais, ao concerto precédeo unha curta entrevista co pianista na que reflexiona sobre a experiencia que supuxo para el gravar esta peza nun espazo tan singular "no que, ademais do silencio, unicamente se escoitaba o vento e as follas moverse", así como sobre a interpretación do jazz en xeral e o impacto do confinamento na sociedade.

Unha pegada, a da covid-19, á que tamén se referiu Rosa Salgado, representante de Miraxe, asociación encargada de producir o concerto co obxectivo de "reivindicar aos técnicos galegos" e "activarse durante a pandemia mediante a participación nun proxecto que impulsa a cultura".

Valentín García, pola súa banda, agradeceu a participación de Rábade no proxecto, "un dos artistas galegos máis recoñecidos" e destacou a utilización do galego, "presente noutros proxectos financiados polo Fondo Xacobeo 2021" para a difusión cultural. "Non hai mellor forma de demostrar que a nosa lingua, tan apropiada para a expresión da cultura tradicional e autóctona, está aberta e é perfectamente válida tamén para incorporar todas aquelas cousas boas que nos poidan chegar de fóra", comentou o secretario xeral.

Valentín García sinalou o importante papel do Fondo Xacobeo 2021, que ademais do concerto de Abe Rábade, financiou outros 400 proxectos e mediante o que a Xunta de Galicia creou o repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego "para dinamizar a lingua e apoiar a artistas, creadores e empresas do ámbito cultural no contexto de crise causada pola covid-19".

Comentarios