jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Arturo Maneiro recibe o premio Diego Bernal da Asociación de Periodistas de Galicia 

Arturo Maneiro. ARQUIVO
Arturo Maneiro. ARQUIVO

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou entregar o premio Diego Bernal 2021, que distingue a traxectoria de profesionais galegos da información, a Arturo Maneiro pola "súa dilatada carreira". Ademais do seu labor xornalístico, desenvolveu "un gran labor en favor do asociacionismo profesional". 

Nun comunicado divulgado pola APG, que el presidiu durante 25 anos, explícase que a entrega do galardón adiantarase nesta edición ao 21 de xaneiro de 2021, en Santiago. Habitualmente facíase coincidir co patrón dos xornalistas, San Francisco de Sales, o 24 de xaneiro. 

Outros profesionais do xornalismo como Pepe Domingo Castaño, Pilar Cernuda, Fernado Ónega ou Santiago Rey Fernández-Latorre foron distinguidos con este premio nas 25 edicións anteriores, renomeado pola APG como Diego Bernal en homenaxe á memoria do xornalista.

UNHA VIDA DEDICADA AO XORNALISMO. Arturo Maneiro, doutor en Comunicación pola Universidade de Navarra, iniciou o seu exercicio profesional no País Vasco como redactor da Gaceta del Norte de Bilbao, desde 1977 ata 1981 —os anos máis duros da banda terrorista Eta—, e fundou, xunto a outros xornalistas, a axencia de noticias Vasco Press

En 1984 volve a Galicia e é aquí onde desenvolve o resto da súa carreira profesional, gran parte dela vinculada á CRTVG. Tras ocupar varios cargos na TVG —foi director de informativos en 1990 e da canle autonómica en 1994—, en 1996 pasa a ser director da Radio Galega, posto que compaxina co de profesor asociado na Universidade de Vigo e que ocupa ata 1999. 

Maneiro foi, ademais, un dos principais impulsores do asociacionismo profesional en Galicia. En 1995, promoveu, xunto a outros compañeiros do gremio, a creación da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), co obxectivo último de constituír un Colexio Profesional de Xornalistas, creado finalmente no ano 2000. 

A pesar de abandonar a alta dirección dos medios públicos en 1999, o xornalista continuou vinculado á CRTVG, mantivo o seu labor docente na universidade viguesa e iniciou, ese mesmo ano, a publicación de artigos de opinión en La Voz de Galicia. En 2009 entrou no consello de administración da CRTVG, órgano do que formou parte ata a súa xubilación, en 2016. 

Arturo Maneiro recibe o premio Diego Bernal da Asociación de...
Comentarios