"Cantei en galego porque o fago desde sempre, non esperaba esta repercusión"

A pontesa saíu hai só unha semana da academia de 'OT’ despois de tres meses de aprendizaxe televisada. A moza, que se reivindicou como unha defensora da lingua e da cultura galega, fai repaso dunha experiencia inesquecible que desexa lle abra as portas dun futuro no que nunca falte a música

Sabela Ramil, no balcón do consistorio pontés, onde foi recibida o pasado domingo por centos de veciños e fans. MARTA MANCEBO
photo_camera Sabela Ramil, no balcón do consistorio pontés, onde foi recibida o pasado domingo por centos de veciños e fans. MARTA MANCEBO

Sabela Ramil revolucionou Operación Triunfo 2018 coa súa voz, pero sobre todo coa elección dos temas que defendeu diante de máis de dous millóns de espectadores na televisión pública española. Fíxoo sempre que puido en galego, a súa lingua. A pontesa, que xa se converteu en embaixadora da cultura da terra, e para algúns na Rosalía de Castro 2.0, fai repaso da súa estadía na Academia, unha experiencia que espera lle abra as portas dun futuro "con moita música".

Fai unha semana que acabou OT 2018. Cun pouco —non moito— de perspectiva, que balance fai do seu paso?
O balance non pode ser máis positivo, sobre todo a nivel de aprendizaxe. A partir de agora quedan por diante reunións coa compañía, Gest Music, para ver por onde vai a carreira de cada un.

Volvería entrar no programa?
Agora mesmo non repetiría polo feito de estar encerrada e incomunicada. Son condicións moi duras, pásase mal. Pero todo ten a súa parte positiva, e recibir formación dos profesionais que hai na academia é incrible.

Entón, non se arrepinte?
Non. Cando estaba no proceso de cástings xa era consciente da decisión que estaba tomando. Sabía o alcance que podía ter, e estaba preparada. Como tamén o estaba se non o tiña. Non esperaba nada en concreto.

Teño que ter unha conversa con Luis Fonsi. Non, en serio. O reggeaton é un xénero co que non me identifico

Tampouco cría que chegaría a coarse entre os cinco finalistas?
En absoluto, e menos co inicio que tiven (ri). En realidade só pensaba en traballar semana a semana para defender os temas que me daban o mellor que podía. E se o escollía eu, o mesmo.

Nas redes sociais falouse moito do reparto das cancións. Dicían que non a beneficiaban, que eran nominables, que non estaban á altura das dos outros compañeiros. Como o viviu desde dentro?
Fun todo o tempo sincera e se non me gustaba, dicíao, respectando sempre os autores, por suposto. Tiven que enfrontarme a temas que a priori non me chamaban a atención. Non é algo que decidas ti, así que non che queda outra que collelos e traballalos con todo o cariño do mundo.

É consciente que vai estar ligada toda a vida a Luis Fonsi?
Teño que ter unha conversa con el (ri). Non, en serio. É un xénero musical que non me identifica. Pero non teño nada en contra del. Entendo que os que decidiron que cantase Échame la culpa ou Calypso fixéronno porque pensaban que era o mellor. Hai que montar unha gala e un espectáculo guai.

Non pensaba en chegar á final, só en traballar semana a semana defendendo os temas o mellor que podía

Unha vez que estivo na súa man a elección, non o dubidou. Escolleu Benditas feridas, de Rosa Cedrón. Era consciente da repercusión que ía ter a súa decisión?
En absoluto. Cando me nominaron a primeira semana, no traxecto en autobús do plató á Academia, tiñamos que decidir o tema. Eran 30 segundos, non máis. Eu sabía que quería cantar esta canción porque me identifico con ela, emocióname de sempre. E se me ía, quería facelo sendo eu.

Despois chegaron Negro caravel e Tris tras. Sabe que moita xente di que fixo máis pola lingua e a cultura que a Xunta nos últimos anos? Como o valora?
É un pouco forte. Ao principio fíxome graza. É moito dicir, aínda que me fai ilusión. Decidín cantar en galego porque é algo que levo facendo desde sempre, non esperaba esta repercusión. Aínda que si que pensei que estaría ben poder cantar na miña lingua en Televisión Española.

O apoio dende fóra foi moi grande. Familiares, amigos, veciños e moitos músicos e escritores galegos. Esperábao?
A verdade é que aínda me estou poñendo ao día. Vanme contando pouco a pouco. Quédanme moito por ver. Por exemplo, con Rosa Cedrón xa falei cando veu gravar a gala de Nadal. Con Ugia Pedreira aínda non tiven ocasión, pero falarei. Quedei moi sorprendida, faime moitísima ilusión!

E As Pontes tamén se volcou, cun recibimento o que asistiron centos de persoas.
Flipei, non me esperaba isto para nada. Ao principio sentinme sobrepasada, non sabía que lle ía dicir a toda esa xente. Estou moi, moi agradecida por todo o apoio, porque sen eles non tería chegado onde cheguei.

Xa a recoñecen pola rúa?
Hoxe —por este mércores— fun de compras pola Coruña e si que hai xente que me para e me pide fotos. É algo ao que aínda non me acostumo.

"Oxalá poida seguir creando e facendo música moito tempo. Sacar un disco sería la leche"
Operación Triunfo 2018 despediuse este mérvores coa gala de Nadal. Pero queda por diante o proceso de selección da canción que representará a España en Eurovisión. Gustaríalle participar no certame?
É un tema que aínda está un pouco en espera. Non se sabe que cancións irán á gala, nin nada. Pero o que si que teño que dicir, sen decantarme por ningún dos dous temas que teño, é que me sorprendeu moito que Hoy soñaré teña ritmos folk. É unha pena que só se poida escoitar un cachiño e non estean completas.

Completos ou non, os temas que compuxo na Academia tamén recibiron unha boa acollida do público. Xa pensa en publicar un disco?
Agora veñen por diante reunións para coñecer un pouco por onde encamiñar a miña carreira. Oxalá poida seguir creando e facendo música moito tempo. Sacar un disco xa sería la leche.

E de facelo, gustaríalle incluír algunha canción en galego?
Iso por suposto, haberá galego porque forma parte do que son.

Primeiro centrarase na xira que a levará, cos seus compañeiros, por unha ducia de localidades.
Si, é unha boa oportunidade para coñecernos aínda máis.

E porán en práctica o aprendido.
Sobre todo en baile e en expresión corporal. Antes só botaba unhas pezas na verbena diante da orquestra (ri).

Comentarios