Carlos Núñez: "Un canto a Galicia' con Julio Iglesias acabou soando tradicional"

A apertura da Porta Santa farase ás 16.30 horas coa proxección dun vídeo que dirixiu o músico vigués e no que participan Julio Iglesias, Alejandro Sanz ou Paulo Coelho
Carlos Núñez, nun momento da rodaxe do documental. EP
photo_camera Carlos Núñez, nun momento da rodaxe do documental. EP

A peza audiovisual conta con 150 colaboracións de músicos e escritores que conducen este percorrido polo Camiño de Santiago e pola historia de Galicia dende a Prehistoria ata o de hoxe. Iván Ferreiro, Rozalén ou Manuel Rivas fan achegas a esta obra promovida por Turismo de Galicia e producida por Ollo Vivo, a firma dos irmáns lucenses Pepe e Jorge Coira e por Gaspar Boullón. Poderá verse en directo a través da Televisión de Galicia e noutras 17 canles de todo o planeta.

A música galega é o fío condutor deste vídeo que ten como base as conexións celtas no Atlántico que vostede tratou no ensaio La hermandad de las estrellas.
No vídeo aparecen o parque arqueolóxico de Campo Lameiro, os castros, a costa galega, o Pórtico da Gloria,... soará música de moitos estilos, dende tradicional a indie. Hai unha interacción entre os participantes. Paulo Coelho explica o que o Camiño representa para el e Alejandro Sanz revela que un avó seu era de Santiago. Manuel Rivas recita a canción de Amergin, o primeiro poeta de Irlanda, que viña de Galicia. Esa canción está no Libro das conquistas, que fala das viaxes entre Galicia e Irlanda.

Liam Ó Maonlaí recita ese poema en irlandés. El forma parte da peregrinación que fixo Glen Hansard, músico e gañador dun Oscar á mellor canción orixinal por Once dende Irlanda a Galicia hai uns anos.
Hansard fixo a peregrinación nunha barca tradicional a remo, nun curragh. Sufriron un naufraxio no Miño e morreu o capitán, o poeta Danny Sheehy.

"Alejandro Sanz revelou que o seu avó era de Santiago e asegura que Galicia é a nai de todos"

Julio Iglesias afirma sentirse galego e rememora o seu Un canto a Galicia, o tema en galego máis visto en YouTube. Como logrou que colaborase?
Hai cinco anos tocamos Canto a Galicia no Albert Hall. Sony entregáballe un premio como o cantante latino que máis vendera e convidoume a acompañalo. Descubrín que é un gran músico. Non se lle coñece esa faciana. Nos ensaios descubrín que escoita aos músicos, que non se limita a cantar. Estiven probando coa frauta, que usaba a xeito de gaita antiga, e el seguía os meus xiros ata que Canto a Galicia acabou parecendo un canto tradicional. Ten unha humildade que é rara nos cantantes. O normal é que canten e que os músicos vaian detrás. Durante o confinamento deixou crecer a barba. Dicía: "Parezco Valle Inclán". Afeitouse para o vídeo, pero deixou o bigote, así que se lle vai ver con bigote.

Falábame de Alejandro Sanz.
Coñecémenos nunha entrega dos premios Ondas de 1997 e coincidimos con Paco de Lucía nun concerto do irmán deste. El asegura que Galicia é a nai de todos. É importante que músicos doutros estilos valoren a nosa música tradicional.

Puxo a Rozalén a tocar a bandurria, o instrumento co que se iniciou na música.
Colabora nunha peza do século XVI con zanfona e vihuela acompañando a Fon Román, que tocaba en Los Piratas, e Andrés Suárez, un ferrolán con moita sensibilidade para a música tradicional. Levan ao pop unha das poucas cancións renacentistas en galego que se conservan. Non entendo por que o renacemento inglés inspirou cancións dende Starway to Heaven, de Led Zeppelin, ou Scarborough Fair, de Simon and Garfunkel, a temas de Sting ou Damon Albarn, e o noso, non.

"Julio Iglesias deixoiu barba no confinamento. Afeitouse para o vídeo, pero deixou o bigote"

O cantante e pandereiteiro Xabier Díaz compuxo un tema para esta gravación.
Atreveuse cun aninovo, que é enraizado, pero moi actual. Cristina Castaño colabora con el.

Estamos falando da vilalbesa Cristina Castaño, que é actriz. Como se lle ocorreu que podía cantar tan ben como para incluíla nun vídeo como é o que vai conmemorar a apertura da Porta Santa?
Ah! Hai anos convideina a cantar un tema que nos escribira Pablo Benegas, compositor de La Oreja de Van Gogh. Cristina actuou ante 30.000 persoas e fíxoo moi ben.

Perdoe que reitere a pregunta. Por que se animou a convidar a cantar con vostede nun concerto multitudinario a una intérprete?
Por algunha vez que a escoitara cantar na televisión.

Houbo algún artista que declinase colaborar con vostede? Supoño que haberá quen non se sinta cómodo interpretando un estilo tan diferente ao seu como pode ser a música tradicional galega.
Sorprendeume, pero todos dixeron que si. É o marabilloso de Galicia. Como ben di Alejandro Sanz, Galicia é a nai de todos. Todos colaboraron con xenerosidade. Con Amaral probei a propoñerlles Ondas do mar de Vigo, de Martín Códax, e mandaron un vídeo longuísimo que tiven que recurtar. Foi unha pena.

"Cristina Castaño colabora con Xabier Díaz, que se atreveu cun aninovo, que é enraizado, pero actual"

Elixiu vostede todas as pezas?
Maiormente. Houbo xente que propuxo, como Xabier Díaz. Presentou ese aninovo cun ritmo tipo xota. Por iso, pedín a Iván Ferreiro ese mesmo ritmo, para que tivese unha continuidade.

Iván Ferreiro canta Fariña, un tema que colle a inspiración nunha composición de vostede, Cantigueiras.
Convidamos a Tanxugueiras para acompañalo coa intención de que achegasen o seu aire tradicional á versión.

A Orquestra do Pórtico da Gloria reuniuse por terceira vez para esta gravación.
Non foi fácil porque estabamos todos confinados nas nosas casas. Vivimos en países de medio mundo.

O vídeo reflicte os seus intereses. Están a reivindicación da cultura céltica e o interese pola música tradicional. Remata con Airiños de Pontevedra, do músico Ricardo Portela. O ano pasado presentou vostede un estudo con transcricións das obras que interpretaba este gaiteiro de Cotobade. Están dispoñibles na páxina do Consello da Cultura Galega.
Ricardo Portela recibiu a sabedoría dos grandes, como Soutelo. El preservou ornamentacións e técnicas de gaita moi antigas. Coñecino cando eu tiña 13 anos. Con 18 pediume que transcribise a súa musica. Levoume trinta anos. Aproveitei o confinamento para rematalo.

Airiños de Pontevedra é a composición coa que vostede remata os seus concertos. Nesta oportunidade acompáñano un cento de gaiteiros que colaboraron con vostede ao ancho do mundo.
É a obra máis emblemática de Ricardo Portela. Quixen facer algo especial porque este ano cúmprese o centenario do seu nacemento. Hai gaiteiros de Australia, Hong Kong, Alaska, etc.

Comentarios