O catedrático da USC Xosé Manuel Núñez Seixas, Premio Nacional de Ensaio 2019 

O xurado elixiu a súa obra 'Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018' ►O premio está dotado con 20.000 euros
Xosé Manuel Núñez Seixas. EP
photo_camera Xosé Manuel Núñez Seixas. EP

O xurado do Premio Nacional de Ensaio propuxo ao catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Núñez Seixas para ser galardoado co Premio Nacional de Literatura na súa modalidade de Ensaio, correspondente a 2019, pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros. 

O xurado elixiu esta obra "por trazar unha historia do nacionalismo español nas súas diversas correntes e manifestacións ao longo da Idade Contemporánea". "Sendo unha obra que se apoia nunha densa traxectoria de investigación, destaca polo seu esforzo de síntese e de claridade expositiva, así como polo seu rigor", engadiu. 

Núñez Seixas (Ourense, 1966) é doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (en excedencia) e, desde outubro de 2012, catedrático de Historia Contemporánea de Europa na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich. 

Entre os seus títulos figuran Fuera el invasor! Nacionalismos y movilización bélica durante la guerra civil española, 1936-1939 (2006); Imperios de muerte. La guerra germano-soviética, 1941-1945 (2007); Patriotas y demócratas. El discurso nacionalista español después de Franco (2010) ou Camarada invierno: experiencia y memoria de la División Azul, 1941-1945 (2016). É tamén coordinador da ambiciosa Historia Mundial de España (2018). 

Núñez Seixas é membro do Arquivo de Emigración (Consello de Cultura Galega), así como membro do consello de redacción e do consello asesor de numerosas revistas, nacionais e internacionais.

XURADO. O xurado estivo presidido por Adriana Moscoso del Prado Hernández, directora xeral de Industrias Culturais e Cooperación, e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas. 

Comentarios