jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Cineuropa programa 200 películas, 19 delas de estrea, na súa edición número 33

Presentación do programa de Cineuropa, este xoves en Santiago. TWITTER-
Presentación do programa de Cineuropa, este xoves en Santiago. TWITTER-
O festival de cine compostelán premia a Emma Suárez, María Vázquez e Rita Azevedo 

A edición número 33 de Cineuropa, a primeira baixo a dirección de Laura Seoane, programará entre os días 7 e 28 de novembro en Santiago de Compostela case 200 títulos, dos que 19 serán estreas en España, e premiará as traxectorias das actrices Emma Suárez e María Vázquez, así como da directora Rita Azevedo. 

Así o recolle a programación completa de Cineuropa 2019, que se presentou este xoves en Santiago, nun acto no que se reiterou a vocación da cita de explorar a mirada feminina e o papel da muller no cine, así como a diversidade de perspectivas. 

A sección oficial estará composta por 103 películas, divididas en cinco categorías –Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea este ano–, mentres que os restantes, ata rozar as 200, dividiranse en seccións paralelas, que recordarán traxectorias como as de Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas e analizarán cuestións de actualidade como o cambio climático ou o feminismo. Un total de 17 títulos serán galegos, entre os que se sitúan as estreas de cintas como Arima, Longa Noite ou Eroski Paraíso

Como é tradición, este ano volverá celebrarse o clásico maratón de cine, que será o 22 de novembro baixo o título O mundo contra min, centrándose na figura do antihéroe, con cintas como El crack e El crack dos, de José Luís Garci, Jesus Shows you the way to the highway, de Miguel Llansó, Tank girl, de Rachel Talalay ou The man who killed Hitler and the bigfoot, de Krzykowski. 

O festival abrirase o 7 de novembro no Teatro Principal cunha gala de inauguración na que se entregará o premio Cineuropa á actriz galega María Vázquez, tras o que se proxectará a película Ema, de Pablo Larraín, integrante da categoría Latidoamericano. 

O día 16, no mesmo emprazamento, terá lugar a entrega do premio a Rita Azevedo, tras o que se estreará o seu último título, Danses macabres, squelettes et autres fantaisies, un documental no que traballa xunto a Pierre Léon e Jean-Louis Schefer. 

A última xornada do festival será o momento para entregar o seu galardón a Emma Suárez, unha actriz da que, durante o festival, poderán verse as cintas El perro del hortelano, La propoera pell e Vacas, que será a película escollida para pechar esta edición. Ademais, como novidade, o festival dedicará dúas xornadas finais a repor as películas premiadas.

ESTREAS E PRESENTACIÓNS. Cineuropa acollerá este ano un total de 19 estreas de películas a nivel estatal, así como nove preestreas de cintas que xa tiveron percorrido en festivais internacionais, pero que aínda non chegaron ás salas. 

Entre as novidades, o público poderá ver Kuessipan, de Myriam Verrealut; L'adieu á a nuit, de André Techiné; ou Canción sin nombre, de Melina León. Do mesmo xeito, haberá espazo para a exhibición de traballos como La hija de un ladrón, ópera prima de Belén Fumes, La ola verde (que sea ley), de Juan Diego Solanas; ou Si me borrase el viento lo que yo canto, de David Trueba, que presentará en Compostela este traballo. 

Ademais de Trueba, Cineuropa contará coa presenza de nove directores da sección oficial: Iratxe Fresneda, Eloy Enciso, Jaione Camborda, Emmanuelle Bonmariage, Sharipa Urazbayeva, Théo Court, Andrés Duque, Jorge Coira e Jesús Ron. 

A sección de competición está marcada por películas caracterizadas por directores novos e noveis, a visión feminina e combativa e unha gran variedade formal e temática. Nela, haberá películas que non foron estreadas en Galicia ou no resto do estado, como é o caso de Dragged across concrete, de S. Craig Zahler; ou Mektoub, my love: Canto I, de Abdellatif Kechiche. 

Na sección oficial europea entrarán 35 títulos a competición, destacando nomes como o de Rodrigo Sorogoyen e o seu filme Madre; Vitalina Varela, de Pedro Costa; os irmáns Dardenne, con Le jeune Ahmed, ou Sharipa Urazvayeva, con Mariam; ademais da última película de Jessica Hausner, Little Joe, unha autora á que o festival dedica unha sección especial na programación paralela. 

A área internacional suma outros nomes como Fourteen, de Dan Sallitt; Top End Wedding, de Wayne Blair; ou A girl missing, de Kodi Fukada; mentres que os documentais propoñen 20 títulos, entre os que se atopan Selfie, de Agostino Ferrente, Jawline, de Liza Mandelup, ou Delphine et Carole, insoumuses, de Callisto McNulty. 

A sección Latidoamericano, pola súa banda, inclúe títulos como Monos, de Alejandro Landes, Familia sumergida, de María Alché, Blanco en blanco, de Theo Court, ou Ceniza negra, de Sofía Quirós. Finalmente, Cineuropa contará este ano cunha sección oficial exclusiva para cine de animación, con cintas como Buñuel en el laberinto de las tortugas, de Salvador Simó.

MIRADA FEMININA E ECOLOGÍA. Os ciclos que compoñen a sección paralela do festival entran en conexión con temáticas específicas e de actualidade como o feminismo, as alertas sobre a situación climática ou as formas pouco habituais de mirar á realidade. 

A análise da presenza feminina no cine norteamericano realizará no ciclo Cinema e Feminismo: Bechdel en Hollywood, que reflexiona sobre os criterios para medir a presenza feminina en grandes producións Alien, el octavo pasajero, Carrie, Lady Bird, The ghost and mrs. Muir ou Riddles of the Sphinx

Do mesmo xeito, Cineuropa homenaxea este ano a dúas directoras xa falecidas, Angès Varda e Chantal Akerman, coa proxección das súas últimas dúas películas, precedidas dunha charla sobre as súas figuras. Tamén haberá un espazo nesta programación paralela para a crítica Pauline Kael a través dunha selección das súas cintas favoritas. 

Unha mesa redonda e a proxección de In e Walden: diaries, notes and sketches en proxector, en versión orixinal e sen subtítulos, servirán para homenaxear ao director de cine lituano Jonas Mekas, falecido este ano. 

A maiores, Cineuropa contará tamén cun ciclo sobre Cine e Cambio Climático Os últimos días no edén, no que se enmarcan títulos como Voyage of estafe: life's journey, de Malick, Planeta Azul, de Franco Piavoli, ou La princesa Mononoke, de Hayao Miyazaki. 

Finalmente, o ciclo Paisaxes Urbanas do Cinema Galego centrarase nas películas participadas por Galicia, incluíndo títulos como 18 comidas, La estación violenta, Adolescentes. Las altas presiones ou Estrella errante

As entradas e abonos para poder asistir a esta nova edición de Cineuropa poderán adquirirse desde o vindeiro luns, 4 de novembro, a través do portal compostelacultura.gal no despacho de billetes do Teatro Principal. 

Cineuropa programa 200 películas, 19 delas de estrea, na súa...
Comentarios