O Consello da Cultura prorroga ata o 17 de marzo a exposición 'Alba de Gloria'

A mostra recibiu preto de 15.000 visitas nos catro meses que leva aberta

Momento da Presentación da mostra 'Alba de Gloria'.EP
photo_camera Momento da Presentación da mostra 'Alba de Gloria'.EP

O Consello da Cultura Galega decidiu prorrogar, por segunda vez, o peche da exposición Alba de Gloria, a proposta que recrea e contextualiza o discurso de Castelao no que cita ás grandes personalidades da cultura galega e que recibiu preto de 15.000 visitas nos catro meses que leva aberta. 

Tal e como explicou o Consello, a mostra foi concibida cun "marcado carácter participativo", algo que se pode apreciar na súa propia configuración, xa que se insta ao visitante a que indique quen falta no discurso. Despois de 9.335 votos, propuxéronse uns 250 nomes da política, a cultura e a sociedade de Galicia. 

A día 28 de febreiro, o ranking estaba liderado por Castelao (co 14% dos votos), seguido de Maruja Mallo (8,1%) e María Pita (6,8%). Séguenlle Álvaro Cunqueiro, Xosé Neiras Vilas, Manuel María e Isaac Díaz Pardo. 

Alba de Gloria foi o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego de Buenos Aires, realizado no teatro Arxentino con motivo do Día de Galicia, o 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega, iniciando en Prisciliano e pasando por un total de 65 personaxes significativos. 

A mostra ten unha parte central, a Experiencia, na que o visitante, a través dunhas lentes de realidade virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai, ademais, outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade. 

Comentarios