Cuerda, o xenio cinematográfico que se namorou da luz do Ribeiro

Cuerda, na súa explotación vitivinícola en Leiro. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Cuerda, na súa explotación vitivinícola en Leiro. BRAIS LORENZO (EFE)

O mundo da política, a cultura e viticultura na provincia de Ourense mostrou o seu pesar pola noticia da morte de José Luís Cuerda, o coñecido director de Amanece, que non es poco (1989), un xenio que se "namorou da luz" de Leiro, na comarca vitivinícola do Ribeiro, terra coa que lle unía nos últimos anos unha estreita relación. 

O alcalde da localidade ourensá de Leiro e senador, Francisco José Fernández, manifestou a Efe que é "unha mágoa" a morte deste xenio do cine español do que resaltou a súa "gran transcendencia" no mundo da cultura e do cine pero tamén da victicultura. 

Natural de Albacete (1947), Cuerda, mestre do surrealismo español e que el mesmo bautizou como "surruralista", pasaba longas tempadas en terras galegas e, en concreto, na provincia de Ourense, onde chegou a comprar unha casa, rehabilitou unha leira e abriu unha adega, en Gomariz, no municipio ourensán de Leiro.

Foi na súa rodaxe de película, A lingua das bolboretas (1999), adaptación dun relato de Manuel Rivas, onde coñeceu Leiro, terra da que "se namorou pola luz que tiña", tal e como chegou a trasladarlle ao exdirixente político galego Pachi Vázquez, que foi alcalde do Carballiño e con quen tivo unha relación estreita.

O alcalde de Leiro destacou, ademais, a forte relación que tiña o cineasta con toda esta zona vitivinícola tras a rodaxe de O bosque animado e A lingua das bolboretas, onde comprou unha casa, rehabilitou unha adega -do século XV- e fixo unha plantación importante de viñedo, dunhas seis hectáreas, nas que recibía a ilustres invitados. 

En todo caso, aclarou que Cuerda levaba tempo sen visitar a provincia de Ourense, onde adoitaba pasar longas tempadas. "Facía tempo que non viña"; apuntou Fernández.

"Foi unha pena, este desenlace inesperado", confesou o exdirixente político galego Pachi Vázquez, (vinculado moitos anos nas filas socialistas e na actualidade no partido instrumental Espazo Común), persoa moi achegada ao cineasta. 

Vázquez indicou a Efe, de camiño a Madrid, que sente "unha pena moi grande" pola morte de Cuerda, "polo que significa no persoal, no cultural e no mundo do viño". 

Mais alá das vivencias que atesoura, Vázquez destacou a "gran fortuna" que tiveron quen o coñeceron polo feito de que Cuerda "recalou en Galicia" e de todos os momentos que lles regalou" na provincia.

"Quedo con todo o que significa para todos os que o coñecemos e o queríamos", concluíu.

O Concello do Carballiño sumouse tamén ás condolencias e trasladou o seu "fondo pesar" polo falecemento do cineasta, José Luís Cuerda, persoa que deixou unha "fonda pegada" na vila e a comarca

Tamén o Consello Regulador do Ribeiro sumouse ás mostras de condolencia pola morte de Cuerda, unha persoa relevante que axudou a pór estes caldos "no mapa", grazas á súa "relación co Ribeiro" en palabras do presidente, Juan Casares. 

Pola súa banda, o Festival de Cine de Ourense tamén despediu a un "dos grandes" e "un imprescindible do cine español, moi vinculado con Ourense e tamén co OUFF". 

Cuerda recibiu o Calpurnia de Honra no festival e foi presidente do xurado. 

Non foi a única homenaxe que recibiu en Galicia, xa que tamén foi honrado no xa famoso e icónico "torreiro" de Cans, no Porriño, onde xunto ao actor Javier Gutiérrez asistiu en 2015 á colocación dunha estrela co seu nome no paseo da fama.

Comentarios