lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Culturgal ensina as súas cartas

Carlos Núñez actuou no Culturgal rodeado de amigos e convidados RAFA FARIÑA
Carlos Núñez actuou no Culturgal rodeado de amigos e convidados. RAFA FARIÑA

Máis de 7.000 persoas pasan pola feira nunha segunda xornada marcada polas presenzas de García Montero e Carlos Núñez

O concerto especial de Carlos Núñez e a presentación da primeira tradución ao galego de Luis García Montero marcaron a segunda xornada da XI Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebra ata mañá no Recinto Feiral de Pontevedra. Máis de 7.000 persoas, segundo a organización, pasaron polo evento, ateigando por momentos certos espazos, coincidindo con actuacións ou presenzas importantes como as de Cé Orquestra Pantasma, Pablo Díaz, Charo Pita, Ledicia Costas ou Manuel Rivas.

Ademais, a feira quixo celebrar o Día das Persoas con Discapacidade. «Da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no Espazo Infantil berrouse a prol da diferenza e da integración», explica a organización do evento. «Tamén chegou a Culturgal a Familia Vázquez, familia xordomuda, artista e xenial no seu traballo».

Polo que atangue a Pontevedra, o Concello aproveitou para presentar no seu espazo a próxima edición do Festival Novos Cinemas, que se celebrará do 11 ao 16 de decembro na cidade. Avanzaron a súa programación dous dos seus directores, Ángel Santos e Suso Novás, que lembraron que durante Culturgal se pode adquirir o abono cun 50% de desconto. Pola súa banda, o espazo da Deputación acolleu dez micropresentacións de iniciativas musicais da provincia.

HOMENAXES. A editorial pontevedresa Kalandraka presentou na feira unha das súas novidades editoriais máis importantes neste final de ano, "Man de Camelle", unha homenaxe á figura de Manfred Gnädinger realizada pola mestra e creadora Carmen Hermo. Presentou o volume acompañada por Antón Castro.

As homenaxes continúan hoxe. Aproveitando a entrega do Premio do Público (18.45) á Casa de Rosalía, haberá unha sesión de micro aberto para ler poesía. E, ás 19.00 horas, lembrarase a Manuel Moldes no Espazo Arte.

Culturgal ensina as súas cartas
Comentarios