'A derradeira leición do mestre', de Castelao, chega a Galicia 73 anos despois da súa creación

O óleo, de máis de dous metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid a pasada fin de semana e foi trasladado por estrada ata Santiago

Chegada do cadro de Castelao á Cidade da Cultura. XUNTA
photo_camera Chegada do cadro de Castelao á Cidade da Cultura. XUNTA

A derradeira leición do mestre, obra icónica do artista e intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, chegou este luns ao Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, procedente do Centro Galicia de Bos Aires. 


aderradeiraleiciondomestre

O óleo, de máis de dous metros de altura, viaxou desde Arxentina a Madrid a pasada fin de semana e foi trasladado por estrada ata Santiago, onde chegou escoltado por axentes da Policía Autonómica. Así, exhibirase a partir do próximo venres, 5 de outubro, e até o 3 de marzo de 2019. 

Chega a Galicia por primeira vez desde a súa creación no exilio hai máis de 70 anos, unha peza cargada de simbolismo para a cultura galega que centrará no Museo Centro Gaiás a exposición 'Castelao Maxistral', dedicada a homenaxear á educación, á loita pola liberdade e aos galegos emigrantes. 

Castelao pintou este coñecido cadro, baseado en estampar número 6 do libro Galicia Mártir, no ano 1945 en Buenos Aires, en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936. 

Segundo asegura a Xunta nun comunicado, seguíronse as maiores condicións de seguridade e os estándares profesionais máis rigorosos para o seu traslado. 

O cadro, considerado o Guernica galego, foi desde a súa creación un símbolo da Galicia emigrante e da represión das liberdades durante a Guerra Civil. En máis de 70 anos, a peza non abandonara nunca a capital arxentina, polo que esta será a primeira vez que viaxe ao exterior. 

Comentarios