lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Directores do Novo Cinema Galego como Oliver Laxe ofrecen películas gratis

Obras de cineastas como Xurxo Chirro, Jaione Camborda e Lois Patiño están nun catálogo en crecemento 

Directores do Novo Cinema Galego ofrecen algunhas das súas obras online de forma gratuíta con motivo do estado de alarma polo coronavirus, que entre outras cuestións obrigou a pechar todos os cinemas do país. 

En conversación con Europa Press, o impulsor desta iniciativa, o director Xurxo Chirro -xunto aos produtores Beli Martínez e Felipe Lage- explica que se ofrecen estas obras para que a xente poida "divertirse, entreterse ou estudalas" nun momento no que non se pode saír de casa. 

Precisamente, este 2020 o Novo Cinema Galego, termo acuñado polo crítico Martin Pawley en 2010, cumpre unha década. Aquel ano produciuse a estrea de 'Todos vós sodes capitáns', de Oliver Laxe, obra que se pode ver online grazas a esta iniciativa. 

Así, na web (http://novocinemagalego.info/10anosncg/) están cintas como 'Vikingland', do propio Xurxo Chirro; 'Arraianos', de Eloy Enciso; e 'O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser', de Alberto Gracia. 

O cineasta Xurxo Chirro sinala que tiña pensando ofrecer de forma aberta 'Vikingland' con motivo do seu décimo aniversario -a cinta é de 2011-, pero cre que "é unha boa ocasión" para facelo "e agora xa é patrimonio de todos os galegos". É unha obra "medio de culto" con varios galardóns -como o do Play-Doc en 2012-, realizada a través de 'found footage' sobre a tripulación dun mercante galego.
 
Chirro valora que os creadores "vanse animando" e avanza que o mércores "haberá máis sorpresas". A idea é que só haxa unha peza de cada director para ofrecer un catálogo "máis representativo" do Novo Cinema Galego e "moito máis diverso". 


Sobre a oportunidade para o público de poder acceder a estas obras, moitas das cales non son fáciles de conseguir, o autor de 'Vikingland' reflexiona sobre que "debería haber iniciativas públicas" por parte da Xunta e Agadic "para que se visen". Opina tamén que a TVG2 podería apostar "por un bo material como este para proxectar". 

LISTA DE OBRAS EN CRECEMENTO 
Tamén están dispoñibles, entre outros, para poder ver desde casa curtametraxes e mediometraxes de autores como Xisela Franco e Ánxela Caramés ('Hyohakusha'); Xacio Baño ('Ser e Voltar'), Sonia Méndez con 'Leo y Mario (se dejan)'; e Jaione Camborda ('Rapa das Bestas').
 
Outras obras son: 'Bs. As.', de Alberte Pagán; 'Montaña en Sombra', de Lois Patiño; 'N-VI', de Pela del Álamo; 'Listen to me', de Carla Andrade; 'O Cazador', de Ángel Santos; 'Fogos', de Martin Pawley e Marcos Pérez; 'Sin Dios ni Santa María', de Helena Girón e Samuel M. Delgado; 'O Porco e o seu espírito', de Adrián Canoura; 'La brecha', de Marcos Nine; 'Piedad', de Otto Roca; 'Jet Lag', de Eloy Domínguez Serén; 'VidaExtra', de Ramiro Ledo. 

A lista vai crecendo co paso das horas e este mesmo martes completouse, até o momento, con: 'La declaración de los objetos', de Cristóbal Arteaga; 'Fragmentos de Brand', de Carlos Álvarez-Ossorio; e 'Visións' (filme colectivo), de Eva Calvar, Sonia Méndez, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Andrea Zapata-Girau, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Lara Bacelo, Diana Toucedo e Carla Andrade. 

Directores do Novo Cinema Galego como Oliver Laxe ofrecen películas...
Comentarios