'Fariña' salta ao cómic: "En España están case todas as mafias do mundo"

Sairá cunha tirada inicial de 10.000 exemplares e con case a metade de páxinas que a obra orixinal 
Fariña, versión cómic
photo_camera Fariña, versión cómic

O debuxante Luis Bustos adaptou a novela gráfica Fariña (Plan B), a obra de Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia que, nesta edición, inclúe un epílogo do propio autor abordando entre outros temas "as miserias e os capítulos escuros" da actual España. 

"En España están instaladas case todas as mafias do mundo. Na Costa do Sol, no Levante, no Estreito...hai tiroteos con certa regularidade e a xente está a dar estes casos como algo normal ou sobreentendido", alertou Carretero durante a presentación da novela gráfica. 

Fariña, versión cómicDe feito, o xornalista galego cre que esta situación é idónea para inspirar novas crónicas xornalísticas que poidan "irmanarse" co audiovisual. "Se o Estreito de Xibraltar estivese en Estados Unidos habería películas, series e novelas. Creo que en España aínda hai moito percorrido para estas historias", sinalou. 

A novela gráfica de Fariña sairá cunha tirada inicial de 10.000 exemplares e con case a metade de páxinas que a obra orixinal —128 páxinas—. A obra de Carretero, publicada por Libros do K.O. e que chegou a estar secuestrada por un xuíz, xa alcanzou os 160.000 exemplares vendidos e foi traducida a diversos idiomas.

ACABOUSE O TEMPO DE 'SITOS MIÑANCOS'. Neste novo epílogo, Carretero aborda tamén a actual situación do narcotráfico en Galicia, onde se acabaron os tempos de ostentación e vidas novelescas" de clans como Los Charlines ou de Sito Miñanco. "O narcotráfico agora ten un perfil baixo, busca pasar desapercibido e xogar o rol do empresario", apuntou. 

A pesar de que asegura que os mandos policiais "teñen perfectamente localizados" a estes narcotraficantes, "o problema é chegar a eles". "Crean ao seu ao redor unha contorna profesional e nunca tocan a mercancía, polo que hai que atacalos con delitos fiscais. Hai unha percepción errónea de que o narcotráfico é algo do pasado, cando en Galicia segue sendo un problema e unha realidade", engadiu. 

O xornalista recoñeceu que o éxito de Fariña non supuxo un problema para a súa integridade física. "Nunca recibín unha ameaza directa nin temín pola miña vida. Sería pouco honesto dicir que me xoguei a vida con isto, cando hai xornalistas coa propia Mafia italiana ou en México que están ameazados e en grave perigo", sinalou.

Os tons negros e vermellos son unha constante na novela —co branco da cocaína tamén moi presente—, unha decisión que tomou Bustos desde o primeiro momento, así como a de optar por voces corais en lugar dun só narrador. "Tiña moi claro que quería facer algo similar á novela e desligarme do ton da serie", afirmou o ilustrador. 

Comentarios