Homenaxe a Castelao dentro e fóra de Galicia polo 69º aniversario do seu pasamento

A exposición 'Alba de Gloria' sobre o intelectual de Rianxo amplíase ata o 3 de marzo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Academia Xacobea, Jesús Palmou e o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, durante a ofrenda floral a Castelao, este lunes. LAVANDEIRA (EFE)
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Academia Xacobea, Jesús Palmou e o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, durante a ofrenda floral a Castelao, este lunes. LAVANDEIRA (EFE)

Distintos actos culturais lembran dentro e fóra de Galicia a figura de Alfonso Rodríguez Castelao, cando se cumpren, este luns, 69 anos desde o seu falecemento

Así, unha delegación do Consello da Cultura Galega (CCG), encabezada pola súa presidenta, Rosario Álvarez, realizou este luns unha ofrenda floral ante a tumba do escritor galeguista, no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago, e lembrou a súa figura. 

Ademais, a entidade quixo conmemorar esta efeméride prolongando até o 3 de marzo a apertura da exposición Alba de Gloria, que alberga tamén a igrexa de San Domingos de Bonaval e recrea o último gran discurso de Castelao a través de elementos audiovisuais e de realidade virtual. Do mesmo xeito, a presidenta do CCG avanzou que se está traballando xa na itinerancia desta mostra. 

Tamén a Cidade da Cultura de Galicia lembrou nas redes sociais que o 7 de xaneiro de 1950 morría en Buenos Aires Castelao, unha data sinalada na que a entidade aproveitou para convidar á cidadanía a visitar a mostra Castelao Maxistral, que alberga o Museo Centro Gaiás e na que, por primeira vez en Galicia, pode verse a coñecida obra A derradeira leición do mestre

Dentro das actividades ao redor da figura deste ilustre galeguista, a Cidade da Cultura acollerá o próximo 17 de xaneiro un concerto da Real Filharmonía de Galicia que virará ao redor da vida no exilio de Castelao e ao que, de feito, seguirá un encontro con persoas refuxiadas. 

HOMENAXE EN ARXENTINA. Castelao viviu en Bos Aires os últimos 50 anos da súa vida e, de feito, faleceu no sanatorio do Centro Galego desta cidade. Por iso, na capital arxentina tamén se organizará, o próximo 12 de xaneiro, un acto na súa memoria. Será fronte ao busto que Castelao ten na praza que leva o seu nome en Bos Aires, onde a Federación de Asociacións Galegas no país lembrará a esta "figura chave da historia de Galicia". 

De volta en Galicia, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participará ás 19.00 horas en Ourense no acto Castelao e Prada: Irmaus!, que organiza a Deputación provincial para conmemorar esta efeméride. 

O acto estará conducido polo expresidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares e nel participarán o presidente provincial, Manuel Baltar, e o escritor e representante da familia Prada Allende Luís González Tosar. 

Comentarios