domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

O II Premio de Narrativa Camiño de Santiago distinguirá dúas obras inspiradas na ruta xacobea

Libros. PIXABAY
Libros. PIXABAY
Os participantes optarán a un primeiro premio de 3.000 euros e á publicación da súa obra pola editorial Galaxia 

O II Premio de Narrativa Camiño de Santiago distinguirá a dúas novelas que se inspiren e se aproveiten "de todas as posibilidades narrativas" da ruta xacobea, "unha canle de comunicación cultural".

O certame, que se presentou este martes en Santiago de Compostela, conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría de Política Lingüística; a Academia Xacobea, a editorial Galaxia e Aluminios Cortizo.

Nesta edición, concederase un primeiro premio valorado en 3.000 euros a unha obra escrita en galego ou castelán e que estea inspirada no Camiño de Santiago, e un accésit –un diploma– sen premio en metálico.

As bases poderanse consultar na web da Academia Galega e os participantes poderán presentar as súas novelas até o 15 de setembro. A obra gañadora coñecerase antes do 31 de decembro e será editada por Galaxia.

O premio a narrativa, como indicou o secretario de Política Lingüística, Valentín García, é un do tres convocados pola Consellería de Cultura en colaboración coa Academia Xacobea que, baixo o leitmotiv do Camiño, lanzan tamén galardóns nas categorías de poesía e ensaio.

MÁIS CONSUMO EDITORIAL

"A ampla participación de todos os sectores da sociedade: a Administración pública, as entidades culturais e o sector privado, fan deste un premio con alta credibilidade e valor", destacou o secretario xeral de Política Lingüística, que animou ademais á participación dada a importancia deste galardón para un Xacobeo "inusual" que se prolongará até 2022.

Valentín García recalcou, ademais, a importancia da cultura, en xeral, e do sector editorial, en particular –"una das industrias que mellor resistiu a crise económica provocada pola covid-19"– durante a pandemia, "xa que o confinamento deixou clara a importancia do consumo de libros".

Pola súa banda, o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, reivindicou o carácter "aberto e de gran difusión" que comparten o certame, a ruta xacobea e a propia editorial, e chamou a superar a participación da edición anterior na que, como apuntou o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, presentáronse 18 obras, "algunhas de Arxentina e Colombia". 

O II Premio de Narrativa Camiño de Santiago distinguirá dúas obras...
Comentarios