Sábado. 26.05.2018 |
El tiempo
Sábado. 26.05.2018
El tiempo

Ilusionismo biográfico

Unha imaxe do Associates Press Building.
Unha imaxe do Associates Press Building.

HAI QUE ter coidado co memorialismo dos xornalistas; a ninguén lle gusta menos falar de si mesmo que a unha persoa que se dedica a falar dos demais. Neste tempo de prestidixitadores intelectuais, recoñecer os trucos é requisito para poder sobrevivir entre lecturas e noticias.


VISTA
As correccións dunha novela son coma o último tramo da tese de doutoramento, un estado de conciencia alterado. O cerebro procrea pensamentos automáticos, o tempo mídese por folios, a vida propia xa non vale ren; es tan só un ser que se autoenmenda, sen amigos nin familia. Iso si, nunca son tan creativo como cando estou atado con cadeas a un texto meu xa escrito. Se cedo á tentación destes cantos de serea literaria, aparco a corrección e abro un novo documento para apreixar esas ficcións voantes, descubro que só teño unha páxina en branco. Un espellismo da travesía polo deserto das letras. 


OÍDO
Joseph Mitchell pasou así trinta anos, que se di pronto. O lendario xornalista de The New Yorker pariu na década dos 30 e 40 as mellores historias publicadas pola revista: personaxes excéntricos, de rúa, superviventes de Manhattan e Brooklyn. No ano 1964 secou. Totalmente. Chegaba como un cravo todos os días ao seu despacho da redacción, pasaba en silencio unhas ágrafas horas laborais. Ninguén sabía ben que facía alí dentro, onde sempre había folios en branco e lápis enteiros. Cóntase na excelente antoloxía ‘La fabulosa taberna de McSorley’ (Jus, 2017). Os directores mantiveron a Mitchell así, no seu posto e nómina, ata que morreu en 1996. Trinta anos mirando as paredes na busca de historias.


TACTO
Nesas brillantes pezas tabernarias de Mitchell falta a presenza do propio xornalista que cataliza a vida doutros para que se poida converter en narración. Mitchell agáchase entre as liñas, desaparece nos diálogos. Pásalle o mesmo a Juan Cruz, en ‘Un golpe de vida’ (Alfaguara, 2017). Máis que unhas memorias son un astuto exercicio de prestidixitación. É o xornalista que se compromete a falar de si mesmo pero remata por falar de outros. Cruz redacta as memorias nun fermosísimo castelo da Umbría, nun destes retiros literarios —gastos pagos en lugares fabulosos—, habituais nos círculos da literatura occidental pero que en Galicia se cadra só disfrutaron Casares e Freixanes, xa que a literatura galega é máis accidental que occidental. E aí está o asunto. Cruz senta, atende
o encargo que se fixo a si mesmo como se llo mandara o director de El País. «Canto tempo? Cantas palabras?». E escribe, escribe, escribe porque ten oficio para producir trescentas páxinas sen pestanexar. Os xornalistas non secan nunca e por iso é intrigante o caso de Joseph Mitchell. Quen pode negar que Cruz
escribiu as súas memorias? Quen tería esa falta de tacto?.


OLFACTO
Eu achegueime ao libro de Cruz na procura de experiencia vicaria sobre o xornalismo cultural e batín cun manual de ilusionismo. Cruz fai un pase de maxia e estás mirando para Podemos. Fai outro e aparece Manu Leguineche ou Montalbán. E aquí, con outro truco, xorde unha anécdota saborosa con Francis Bacon. Ten olfato para saber como entreternos desde detrás da tramoia.

Cruz non quere escribir unhas memorias porque aínda é xornalista e os xornalistas non paran de falar para evitar falar de si mesmos. O libro lese con gozo cando asumes que non é o que parece.


GUSTO
Lembrei a ese veterano correspondente de guerra madrileño que veu no avión das nove e media dar unha conferencia aos alumnos. Trouxo con el os ‘greatest hits’ anecdóticos dos seus álbumes de Kosovo, Kabul e Bagdad, esas tres palabras máxicas que conseguen espertar do letargo os alumnos de cuarto. Acompáñense de pose rebelde e descrida, ben regada con desprezo aos estudos de xornalismo: todo o necesario para agradar a un rapaz. Os alumnos ficaron encantados, relambéndose dese aperitivo de aventura. Cando a estrela marchou, pregunteilles por unha soa lección de xornalismo que puideran extraer da charla, por un sentimento persoal expresado polo conferenciante. Ningunha, decatáronse abraiados. Eis un auténtico profesional do xornalismo, pensei.


ARREPRENTIMENTO
Esquecíame. O aspecto máis relevante da corrección dunha novela é o arrepentimento. Dá igual o seguro que esteas do escrito. Na travesía arrenegas da túa criatura literaria con fervor bíblico. Só, ao facelo, gañas a distancia suficiente para tolerala ao teu carón o resto da vida.

Ilusionismo biográfico