José de Cora recibe este xoves en Lugo o Premio de Columnismo José Luis Alvite

A Asociación de Xornalistas de Galicia acordou por unanimidade distinguir a traxectoria profesional do lucense como columnista de opinión

José de Cora Paradela. EP
photo_camera José de Cora Paradela. EP

O xornalista José de Cora Paradela recibirá este xoves en Lugo o premio de columnismo José Luis Alvite, na súa terceira edición, cuxa concesión foi acordada por unanimidade pola xunta directiva da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) en abril. A cerimonia terá lugar no auditorio da Fundación ás 20 horas e contará coa asistencia de numerosas autoridades locais e representantes do gremio.

O premio está exento de dotación económica e consiste nunha figura conmemorativa, que se entrega cada ano o 3 de maio, con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa. Nas edicións anteriores, os columnistas galardoados foron Xosé Luis Barreiro Rivas (2016) e Ánxel Vence Lois (2017).

A APG aprobou a concesión do premio José Luis Alvite a José de Cora, valorando de xeito especial "o indubidable prestixio profesional alcanzado ao longo da súa dilatada traxectoria como columnista de opinión". Trátase dun galardón que recoñece unha traxectoria como xerador de opinión, xa sexa de análise de actualidade ou sobre a situación xeral de distintos ámbitos (político, económico, deportivo, cultural…), referida a artigos publicados en prensa —en papel ou dixital— cunha determinada periodicidade.

José de Cora foi redactor da axencia Efe (1970-79) en Madrid e correspondente alí de xornais galegos e asturianos. Leva máis de 45 anos escribindo columnas e a actual El punto je cumpriu xa os 17. Director da revista En Punta, especializada en medios de comunicación, e redactor xefe do Indiscreto Semanal. En 1980 é nomeado director de El Progreso de Lugo e en 1994 pasa a ser director xeneral do grupo El Progreso. A súa actividade como humorista fíxoo merecedor do premio La Codorniz de Plata no ano 2000.

Profesor invitado na Facultade de Ciencias dá Comunicaión de Santiago, dirixiu unha ducia de series documentais para televisión e é autor de case medio centenar de libros, entre os que destacan Barreiro contra Barreiro e Pecados manuais (en galego) e as novelas en castelán Secuestro y fonda de Cela en Contamina, La verdadera historia del último inquisidor y el maravilloso oráculo de la vida, La navaja inglesa, El estornudo de la mariposa e Te llamaré Muerto.
 

Comentarios