jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

O 'Lazarillo de Tormes' tradúcese por primeira vez ao galego

Presentación da versión en galego do 'Lazarillo de Tormes'. XUNTA
Presentación da versión en galego do 'Lazarillo de Tormes'. XUNTA
O grupo de investigación Dilec da UDC desenvolveu o traballo en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades.

O Lazarillo de Tormes traduciuse por primeira vez de modo integral ao galego cunha edición bilingüe galego-español que se basea nunha versión de 1553, un texto cunha ducia de variacións na linguaxe respecto da coñecida obra de 1554.

O grupo de investigación Dilec (Didáctica das Linguas e Culturas) da UDC, desenvolveu o traballo en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades.

Pola súa banda, Alfredo Rodríguez, catedrático da área de Didáctica da Lingua e a Literatura da UDC (Universidade da Coruña) foi o encargado de fixar o texto e traballou niso coa doutora en Tradución e Interpretación Iria Sobrino e os filólogos Pablo Cano e Iván Enríquez.

"Era un labor que estaba pendente porque contamos con traducións de hai bastantes anos ao vasco e ao catalán pero en cambio non había ningunha feita en lingua galega", apunta en declaracións a Efe Pilar Couto, directora do grupo de investigación Dilec (Didáctica das Linguas e Culturas).

Fixar o texto e traducir ao galego unha das obras fundamentais da literatura española levoulles seis meses, detallou Alfredo Rodríguez na presentación da edición celebrada esta tarde na Real Academia Galega.

O catedrático concretou, en declaracións a Efe, que decidiron engadir expresións galegas coloquiais para que se poida ler de forma moi natural como pode ser a palabra paspán.

"Paspán, aprende que o mozo de cego ten que saber un chisquiño máis que o demo", é como se traduce o tradicional "despierta necio" que o invidente lle di ao comezo do libro ao neno.

Por outra banda, o texto fixado para a tradución baséase nunha edición pouco coñecida e anterior á habitual, unha de 1553 que Rodríguez atopou nunha edición do século XIX do erudito Bonavetura Carles Aribau que cotexa a versión coñecida do 1554 coa anterior.

"Ten bastante interese porque ata agora sempre viña dicindo que a sintaxe era un pouco rara, pero que pretendía imitar a fala. Pois na edición do 1553 estas estrañezas non existen, séguese un texto normal e corrente", asegura o catedrático.

Outra das novidades desta edición bilingüe é que contén Ilustracións do século XIX dun exemplar que ten Alfredo Rodríguez da tradución francesa do Lazarillo.

No acto, o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, puxo en valor o feito de que o libro se poida ler en galego pois, engadiu, "unha obra como esta universal, tamén nos universaliza a nós".

Na presentación da edición bilingüe galego-español do Lazarillo de Tormes, celebrada este martes na Real Academia Galega, participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O 'Lazarillo de Tormes' tradúcese por primeira vez ao galego
Comentarios